Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

A sexta edición do programa “Recíclate con Sogama” adéntrase na fase de desenvolvemento e execución

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Son un total de 22 centros educativos de primaria de toda Galicia os que están a participar nesta iniciativa, canalizada á súa vez a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
  • O principal obxectivo do programa é trasladar ás aulas as boas prácticas vinculadas aos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e formar á comunidade educativa nos preceptos da economía circular.
  • Sogama xa entregou aos centros todos os medios materiais e didácticos para que estes poidan facer realidade os seus proxectos, efectuando, a partir deste momento, visitas de seguimento coas que comprobar o bo discorrer dos traballos e corrixir posibles erros e desviacións.
  • Os seus labores divulgativos serán complementados estes días con charlas e dinámicas a desenvolver en cada un dos colexios e das que se encargarán técnicos especialistas na materia.

Cerceda, a  4 de decembro de 2017.-  Tras o arranque da sexta edición do programa escolar “Recíclate con Sogama” 2017-2018, e que deu comezo o pasado mes de outubro, esta iniciativa adéntrase na fase de desenvolvemento e execución, dispoñendo xa os 22 centros de primaria participantes de todos os medios materiais e didácticos necesarios para facer realidade os seus proxectos.

Enmarcado no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, con este programa preténdese fomentar a aplicación dos tres erres nas aulas (redución, reutilización e reciclaxe) e formar á comunidade educativa nos valores de responsabilidade, respecto ambiental e solidariedade coa contorna, propiciando que alumnos, profesores e familias participen de forma activa na consecución dun mundo mellor.

Así, Sogama encargouse de  subministrar as denominadas illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores de 120 litros de capacidade cada un (amarelo, azul e verde) nos que depositar, respectivamente, latas, briks e envases de plástico; papel e cartón; e fracción resto. Igualmente, os colexios que contan con servizo de comedor, tamén foron obsequiados cun composteiro que lles permitirá elaborar abono natural a partir da materia orgánica producida, utilizándoo posteriormente como fertilizante natural nas súas hortas e xardíns.

Ademais, a entidade pública deseñou no seu momento diversos recursos divulgativos para axudar aos centros no correcto desenvolvemento das súas actividades, orientadas todas elas a optimizar a reciclaxe e, xa que logo, a incrementar as taxas de recuperación de residuos na comunidade galega. É o caso de carteis, folletos, presentacións, vídeos, xogos en liña e guías didácticas orientadas expresamente aos docentes a fin de que traballen nas aulas sobre aquelas mensaxes vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos.

PLAN DE ACCIÓN

Os datos relativos ás características e particularidades de cada colexio xa foron recollidos durante a visita inicial realizada por técnicos ao servizo de Sogama, os cales tomaron boa nota dos medios existentes en cada caso, plan de acción, expectativas, obxectivos e recursos de partida. A pretensión é crear sinerxías e rendibilizar o traballo conxunto efectuado para lograr altos estándares de calidade nas distintas actividades a materializar.

Durante os próximos días, estes mesmos técnicos encargaranse de impartir charlas sobre recollida selectiva de residuos a fin de orientar á comunidade educativa no seu labor e resolver todas as dúbidas que esta poida presentar. Ademais, a partir do próximo mes de xaneiro o xogo xigante “Un partido polo planeta” circulará polas distintas escolas, onde permanecerá varios días, para afianzar conceptos desde a diversión e o entretemento.

E xa a finais do primeiro trimestre do próximo ano, os técnicos de Sogama realizarán unha nova visita, neste caso de seguimento, para comprobar o estado das illas de reciclaxe e a correcta utilización das mesmas, corrixindo os erros detectados e insistindo sobre aqueles aspectos que deben ser mellorados.

No mes de xuño, os centros adscritos a este programa deberán presentar unha memoria detallada dos seus proxectos na que se reflictan as accións executadas e grao de consecución dos obxectivos propostos, tendo sempre como referencia as maiores cotas de reciclaxe.

DISTRIBUCIÓN CENTROS PARTICIPANTES

Un total de 22 centros de toda Galicia participan nesta iniciativa, aglutinando unha maior porcentaxe a provincia de Pontevedra, que conta con catorce. Son os seguintes:

-       CEIP Doutor Suárez, de Fornelos de Montes

-       CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, de Salvaterra do Miño

-       CPI Aurelio Marcelino Rey García, de Cuntis

-       CPI Santa Lucía, de Moraña

-       CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, de As Neves

-       CEIP Cabanas, de Pontevedra

-       CPR Plurilingüe Possumus, de Vigo

-       CEIP de Abelendo, de Moaña

-       CEIP A Xunqueira I, de Pontevedra

-       CEIP de Reibón, de Moaña

-       CEIP A Guía, de Moaña

-       CEP Plurilingüe de Riomaior, de Vilaboa

-       CPI de Cova Terreña, de Baiona

-       CEIP Antonio Palacios, de Porriño

Lugo aporta dous:

-       CEIP Illa Verde, de Lugo

-       CEIP Manuel Mato Vizoso, de Vilalba.

 Tres Ourense:

-       CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense

-       CPR Plurilingüe Divina Pastora, de O Barco de Valdeorras

-       CPI Laureano Prieto, de A Gudiña

 E outros tres A Coruña:

-       CPI de Bembibre, de Val do Dubra

-       CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, de Ferrol

-       CEIP A Cristina, de Carballo

Saúdos, Departamento de Comunicación

5 Dec 2017

Galería