Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Sober amplía a 30 vivendas o seu programa de compostaxe doméstica

Print this pagePrint this page
  • Faino co apoio de Sogama, quen subministrou ao concello igual número de composteiros, tendo impartido xa un curso de formación presencial orientado a todos os veciños interesados.
  • Con esta nova partida, o concello contará cun total de 140 composteiros en funcionamento cedidos pola compañía pública.
  • O obxectivo último do ente local é avanzar cara a unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos urbanos e obter así unha serie de beneficios ambientais, económicos e sociais.

Cerceda, a 11 de xuño de 2018.- O concello de Sober (Lugo) amplía a 30 novos fogares o seu programa de compostaxe doméstica, iniciado anos atrás da man de Sogama.

Con tal fin, a empresa pública entregou ao ente local outros tantos composteiros, de 350 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Condición indispensable é que as vivendas a incorporar a esta iniciativa sexan unifamiliares e dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o abono resultante, aspirando a que este cumpra con todos os requisitos impostos pola normativa vixente de cara a que poida ser utilizado na agricultura sen restricións.

BENEFICIOS

Con esta nova fase, o goberno municipal pretende seguir avanzando cara a unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos urbanos, e obter  unha serie de beneficios ambientais, económicos e sociais para a localidade e os seus veciños.

Así, e tendo en conta que a materia orgánica representa aproximadamente o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se se consegue reciclar en orixe, péchase o ciclo de aproveitamento da mesma e evítase o seu depósito no contedor verde convencional, propiciando que se reduza a frecuencia de recollida e transporte do residuo xenérico e, xa que logo, as emisións de CO2 á atmosfera.

Tamén poderase ver minorado o importe da factura que o concello debe pagar a Sogama polos seus servizos, á vez que se recupera unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.

Con esta nova partida, Sober contará cun total de 140 composteiros en funcionamento cedidos pola compañía pública.

FORMACIÓN E SEGUIMENTO

Co fin de que os usuarios poidan dispoñer da formación necesaria para participar no sistema, técnicos ao servizo de Sogama serán os encargados de impartir un curso presencial, que estará aberto tamén a veciños que se incorporaron a esta iniciativa en etapas anteriores, dándolles a oportunidade de clarificar conceptos e resolver dúbidas 

No transcurso da formación, explicaranse todos os detalles do proceso, desde a propia ubicación do composteiro ata a mestura idónea entre material húmido e seco, e o control de parámetros esenciais tales como osíxeno, temperatura e humidade.

E para os que queiran complementar coñecementos na materia, teñen á súa disposición o sitio web www.compostaconsogama.gal, onde, ademais de información, poderán atopar recursos didácticos e divulgativos tales como vídeos e xogos escolares.

A día de hoxe, Sogama xa distribuíu máis de 2.300 composteiros entre distintos municipios da provincia de Lugo.

O seguimento da iniciativa correrá a cargo do propio concello.

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Xuñ 2018

Galería