SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Sogama acollerá en prácticas a alumnado do IES Monte Neme (Carballo) para contribuír á súa formación

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Farao no marco dun convenio de colaboración formalizado entre a Consellería de Educación, este centro carballés e varias compañías do sector produtivo galego.
  • O acordo contempla o desenvolvemento dun proxecto piloto de formación profesional dual no que se combinan procesos de ensino no centro educativo e na propia empresa co fin de facilitar a posterior inserción laboral dos estudantes.
  • O período de formación arrincará o próximo 15 de setembro e culminará o 31 de agosto de 2022, correndo a cargo de Sogama o financiamento das becas do alumnado que acolla nas súas dependencias.
  • Máis dunha trintena de mozos/as de distintos perfís educativos beneficiáronse de períodos de prácticas retribuídas nesta Sociedade pública.

Cerceda, a 2 de xullo de 2020.- En virtude dun convenio de colaboración formalizado entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o IES Monte Neme de Carballo (A Coruña) e varias empresas galegas, entre as que se atopa Sogama, esta sociedade pública acollerá, en período de prácticas retribuídas, a alumnos/as deste centro educativo.

O acordo contempla o desenvolvemento dun proxecto piloto de formación profesional dual, no que se combinan procesos de ensino no IES e na propia empresa, propiciando desta forma que a aprendizaxe dos estudantes se adapte ás demandas e necesidades do tecido produtivo.

En concreto, os contidos a abordar orientaranse á obtención do título de Técnico superior en Mecatrónica Industrial, profundando en materias tales como sistema eléctricos e electrónicos, elementos de máquinas, procesos de fabricación, etc.

Cun total de 2.000 horas formativas que se distribuirán entre o centro educativo (57%) e a empresa (43%), o período de formación teórico-práctica arrincará o próximo 15 de setembro e culminará o 31 de agosto de 2022.

Ademais de percibir o importe da beca, sufragada por Sogama, os alumnos/as serán incorporados ao réxime xeral da Seguridade Social e disporán dun mínimo de 30 días naturais de vacacións cada ano.

O obxectivo último desta colaboración, na que tamén participará a firma ourensá Valtalia, subcontratista de Sogama, é preparar aos mozos/as para que poidan desenvolver, con garantías, a súa actividade nun determinado campo profesional, capacitándoos ao mesmo tempo para adaptarse ás modificacións profesionais coas que se poidan atopar ao longo da súa vida.

APOIANDO A INSERCIÓN LABORAL DA XUVENTUDE

Na súa firme aposta pola sostibilidade, e dada a súa condición de empresa pública con incuestionables implicacións sociais, Sogama veu apoiando a formación e posterior inserción dos mozos/as ao ámbito laboral, e fíxoo aportando o seu coñecemento, experiencia e capital humano.

Máis de 30 alumnos/as con distintos perfís complementaron e enriqueceron o súa bagaxe académica coa experiencia empresarial adquirida nesta compañía: desde estudantes de Formación Profesional nas áreas de Saúde Ambiental, Mantemento Eléctrico, Química Ambiental e Instalacións Electrotécnicas ata titulados universitarios en Educación Social, Química, Administración e Dirección de Empresas, Relacións Laborais, Ciencias Empresariais e Másters en Contaminación Industrial e Xestión Pública.

Saúdos, Departamento de Comunicación

2 Xul 2020

Galería