Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

Sogama aporta ao concello de Monforte 25 composteiros para reforzar a reciclaxe da materia orgánica

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Estes recipientes, de 350 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, serán distribuídos polo ente local entre outras tantas vivendas unifamiliares con terreo para horta, xardín ou terra de cultivo.
  • O obxectivo é obter deste proceso unha serie de beneficios ambientais, económicos e sociais que redundarán nos propios veciños.
  • Persoal ao servizo do concello será o encargado de impartir a formación específica aos usuarios, así como de facer o seguimento do programa.

Cerceda, a 15  de maio de 2018.- En resposta á solicitude do concello lucense de Monforte de Lemos, Sogama entregou ao municipio un total de 25 composteiros domésticos a fin de que sexan distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta,  xardín ou terra de cultivo) no que aplicar o abono resultante.

Con esta nova partida, o goberno local pretende ampliar o programa de compostaxe doméstica instaurado fai anos e estender así a reciclaxe da materia orgánica a novos fogares. Isto permitiralle obter unha serie de beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais, que redundarán nos propios veciños.

E é que, ao recuperar en orixe os restos orgánicos, que veñen a supoñer en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, poderíase reducir a frecuencia de recollida e transporte do residuo convencional e, con isto, as emisións de CO2 á atmosfera. Tamén se minoraría o importe da factura a pagar a Sogama, coa particularidade de que se retoma unha práctica plenamente asentada no rural galego como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica.

Os recipientes aportados por Sogama teñen unha capacidade para 350 litros e están fabricados con materiais reciclados e reciclables.

Estes 25 composteiros súmanse aos 100 anteriores entregados ao concello por parte da empresa pública en anos anteriores, contribuíndo desta forma a unha xestión de residuos máis sostible e eficiente que permita incrementar as porcentaxes de recuperación in situ e diminuír os envíos de refugallos a Cerceda.

A formación dos usuarios será impartida polo propio concello, cuxo persoal tamén se encargará de realizar o seguimento porta a porta para verificar que a técnica se está aplicando correctamente e resolver dúbidas ou incidencias que poidan presentarse en cada caso. O obxectivo último é que as familias obteñan un compost de calidade que cumpra cos requisitos esixidos pola normativa vixente para ser utilizado na agricultura con garantías e sen restricións.

De forma adicional, teñen á súa disposición o sitio web www.compostaconsogama.gal, no que poden atopar información de apoio, así como distintos recursos didácticos e divulgativos.

Saúdos, Departamento de Comunicación

15 Mai 2018

Galería