Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

"Sogama colocará a Galicia á vangarda na xestión eficiente dos residuos urbanos"

Print this pagePrint this page
  • Así o manifestou o seu presidente, Javier Domínguez, con motivo da conferencia que o pasado venres pronunciou en Lisboa, invitado pola Asociación Portuguesa de Enxeñería Sanitaria e Ambiental (APESB).
  • A xornada, cuxo fío condutor era a economía circular, abordou dúas cuestións de gran interese para o sector a día de hoxe: o tratamento dos biorresiduos e a valorización enerxética da fracción non reciclable.
  • Domínguez aproveitou a ocasión para dar a coñecer o proxecto estrela da compañía pública durante os últimos anos: a ampliación do seu complexo medioambiental, que lle permitirá incrementar a súa achega á reciclaxe e minimizar o vertido.
  • Tamén se referiu á actividade das plantas de recuperación enerxética integradas en AEVERSU, que o ano pasado lograron valorizar máis de 2 millóns e medio de toneladas de residuos non reciclables, producindo a partir dos mesmos 1.997.198 MWh de enerxía, suficiente para abastecer a aproximadamente 500.000 vivendas.
  • Neste sentido, recordou que os vertedoiros emiten anualmente case 11 millóns de toneladas de CO2 equivalente, 19 veces máis que as plantas de valorización enerxética.

Cerceda, a 10 de xullo de 2018.- Invitado pola Asociación Portuguesa de Enxeñería Sanitaria e Ambiental (APESB), organización non gobernamental cuxo labor oriéntase a estudar, desenvolver e difundir o coñecemento en sectores estratéxicos medioambientais tales como a auga e os residuos, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, impartiu o pasado venres unha conferencia en Galveias  Palaca (Lisboa) a fin de divulgar os pormenores da actividade desta empresa pública e, máis concretamente, os proxectos desenvolvidos durante os últimos anos para optimizar a súa xestión industrial e prestar un mellor servizo público á cidadanía.

A xornada, cuxo fío condutor foi a economía circular, contou cun cartel de relatores de alto nivel pertencentes á Comisión Europea, á empresa de xestión de residuos portuguesa LIPOR, a Zero Waste Europe, ao municipio de Oslo e á Alta Saboya, en Francia, entre outros.

Tal e como sinalou no transcurso da súa alocución, de 300 vertedoiros municipais contabilizados en Galicia na década dos 90, esta comunidade pasará a dispoñer, a finais do ano 2019, da infraestrutura de xestión de residuos máis grande, sólida e eficiente de Europa, e unha das de maior calado a nivel mundial. Isto será posible grazas ao proxecto estrela de ampliación do complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña), que contempla unha nova planta de clasificación para os envases contidos no lixo convencional, xa construída e equipada con enxeñería galega por parte da firma ourensá Valtalia, e a remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.

Desta forma, o complexo cercedense incrementará a súa capacidade de tratamento ata 1 millón de toneladas, coa particularidade de que, grazas a distintas melloras, multiplicará por catro a súa achega ao reciclado, destinando á industria recicladora da orde de 120.000/140.000 toneladas de materiais cada ano e reducindo o vertido a mínimos. O obxectivo da compañía é chegar en breve a ese 10% que establece a Unión Europea para o ano 2035, relegando a vertedoiro unicamente a parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente (o que se coñece como vertido técnico cero). Neste sentido, cabe recordar que España aínda verte o 57% dos seus refugallos, unha porcentaxe que baixa ao 25% en Galicia grazas ao sistema Sogama e que alcanzará a curto prazo o vertido técnico cero, é dicir, que só se levará a vertedoiro a parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente.

A VALORIZACIÓN ENERXÉTICA, PEZA CLAVE NA ECONOMÍA CIRCULAR

A intervención de Domínguez tivo lugar no grupo de traballo centrado na valorización enerxética da fracción non reciclable, compartindo mesa con outras entidades do sector a nivel internacional. Neste marco, o máximo responsable de Sogama tamén se referiu á actividade de AEVERSU (Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética), que aglutina a 11 plantas (10 en España e 1 en Andorra) que en 2017 lograron valorizar máis de 2 millóns e medio de toneladas de residuos non reciclables, producindo a partir dos mesmos 1.997.198 MWh de enerxía, suficiente para abastecer a aproximadamente 500.000 vivendas.

Tomando como referencia estes datos, reivindicou, unha vez máis, o papel trascendental que a valorización enerxética ten no paquete europeo de economía circular, resultando unha peza esencial para evitar o vertido, a peor opción de tratamento debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde. De feito, os vertedoiros, tal e como se recolle nun estudo elaborado por G-Advisory, do grupo Garrigues, emiten anualmente case 11 millóns de toneladas de CO2 equivalente, 19 veces máis que as plantas de valorización enerxética. No devandito documento precísase que, por tonelada tratada, o vertido xera un 53% máis de emisións brutas que a valorización enerxética e un 175% máis de emisións netas.

ESTREITANDO LAZOS CON PORTUGAL

O máximo responsable da Sociedade Galega do Medio ambiente referiuse igualmente á planta de compostaxe que a entidade construíu no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa e que dará servizo aos municipios máis próximos, e fixo fincapé no proxecto de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal Res2ValHum, no que Sogama participa en calidade de socio e cuxo principal obxectivo é poñer en valor a materia orgánica contida nos residuos, constituíndo igualmente unha boa ocasión para traballar conjuntamente nunha xestión máis sostible do lixo a ambos os dous lados da fronteira.

Liderado pola Universidade do Minho, no seu partenariado atópase igualmente CVAN e a Universidade de Santiago de Compostela, por parte de Galicia, e LIPOR, BRAVAL e CVR por parte portuguesa.

Saúdos, Departamento de Comunicación

10 Xul 2018

Galería