Xunta
Xunta
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Sogama conéctase á loita contra o cambio climático a través das enerxías renovables

Print this pagePrint this pagePrint this page

A Sociedade ten demostrado que, mediante a axeitada xestión dos residuos urbanos, é posible promover fontes de enerxía limpas. Tal é o caso do biogás de vertedoiro e a incineración do lixo non reciclable.

As melloras no aproveitamento do biogás xerado no vertedoiro cercedense de Areosa permitiu á empresa frear a emisión directa de gas metano á atmosfera e optimizar o seu rendemento enerxético, evitando con isto riscos ambientais de gran calado.

Pola súa banda, a valorización enerxética da fracción non reciclable, que a entidade leva a cabo no Complexo Medioambiental, constitúe o sistema de tratamento polo que apostaron os países europeos máis desenvolvidos, tanto pola súa eficiencia como polo seu firme respecto ao contorno natural, sendo perfectamente compatible coa reciclaxe.

Con estas actuacións, Sogama contribúe, de facto, á loita contra o cambio climático e o quentamento global, unha das prioridades da UE.

Cerceda, a 16 de setembro de 2010. - Sogama evidenciou ser, por riba de todo, unha entidade que, a través da prestación dun servizo público esencial para a Comunidade, vela pola protección ambiental dende numerosas frontes e máis alá do seu obxecto social. Proba disto é a xestión dos residuos urbanos, que leva a cabo baixo criterios de sostibilidade, pero tamén o seu firme apoio ás fontes de enerxía renovable, e que veñen desempeñando un papel estratéxico na súa actividade. O tratamento do lixo domiciliario non se concibe como un labor independente e alleo ao contexto económico e social no que esta Sociedade desenvolve o seu labor, senón que forma parte dun conglomerado de actuacións que intenta aproveitar e rentabilizar ao máximo en aras dun desenvolvemento racional e equilibrado, agora e no futuro.

Xestionar axeitadamente os residuos urbanos e promover ao mesmo tempo as enerxías limpas é posible. Sogama teno demostrado. Tanto é así, que ata tres fontes enerxéticas destas características teñen cabida no seu proceso técnico, cada unha con diferentes funcións, pero formando parte dunha mesma armazón industrial cun fin común: a xestión eficaz dos RU, a loita contra o cambio climático e a mellora da calidade de vida da cidadanía galega. E para isto, a compañía non escatimou esforzos, tampouco investimentos e moito menos pretensións

Aproveitamento enerxético do biogás producido en Areosa

Un exemplo recente o constitúen as melloras acometidas no aproveitamento do biogás xerado no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa, en Cerceda, infraestrutura que vén a complementar a actividade do Complexo Medioambiental emprazado nesta mesma localidade, dada a insuficiente capacidade deste último para procesar todo o lixo procedente dos 294 Concellos adscritos ao seu sistema. Unha situación que será solventada a través do Plan Autonómico de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020, e que contempla a creación de novas instalacións, permitindo desconxestionar a actual sobrecarga sufrida por Sogama.

Para isto, a empresa destinou unha inversión de 650.000 euros á introdución de melloras propias da rede de aproveitamento do biogás e que se traducen na correcta impermeabilización de distintas áreas do vertedoiro xa seladas, freando a liberación directa de gas metano á atmosfera, que se produce pola descomposición da materia orgánica en condicións anaerobias, é dicir, en ausencia de aire, así como na extensión do sistema de desgasificación a estas zonas mediante a instalación de 27 pozos extractores. Deste xeito evítanse riscos ambientais de gran calado tales como emisións, que contribúen ao efecto invernadoiro (de feito, unha tonelada de metano equivale a 21 toneladas de CO2), explosións e incendios e danos á vexetación, sen esquecer a xeración de enerxía eléctrica producida na planta de biogás, que conta cunha potencia de 6,6 MW, permitindo cubrir as necesidades da propia instalación, ademais de xerar un excedente, que se exporta á rede, cos conseguintes ingresos económicos.

Valorización enerxética de residuos urbanos non reciclables

A recuperación enerxética de residuos, que Sogama leva a cabo no seu Complexo, constitúe outra das fontes de enerxía cualificada como renovable. Así, tras o acondicionamento dun combustible derivado dos residuos non reciclables (CDR), no que participa activamente a planta de coxeración, producindo enerxía eléctrica e calor para o secado da fracción húmida contida nos mesmos, este combustible aprovéitase enerxeticamente nunha Planta Termoeléctrica, onde se produce enerxía eléctrica suficiente coa que abastecer 100.000 vivendas (unha cidade de tipo medio).

Esta operación, descoñecida para moitos sectores dende o punto de vista técnico, conta con todos os requisitos ambientais e de seguridade, xa que as altas temperaturas na combustión do CDR (superiores a 850º C) permiten eliminar en boa medida compostos tales como dioxinas e furanos, utilizando ao mesmo tempo potentes e novidosos sistemas de depuración de gases que limitan os niveis de emisión, estando estes moi por debaixo dos límites legais.

Por iso, non é de estrañar que a valorización enerxética estea plenamente asentada e consolidada nos países máis desenvolvidos, e que o seu crecemento, constante e progresivo, se visualice como unha tendencia xa afianzada. Segundo datos de Eurostat, no período de 12 anos este sistema de tratamento incrementouse nun 60 por cento no ámbito da Unión Europea, avanzando de forma significativa en Dinamarca, onde creceu un 45 por cento, e en Alemaña, onde o fixo nun 98 por cento, configurándose ademais como un sistema plenamente compatible coa reciclaxe. De feito, os países que máis reciclan son tamén os que máis incineran.

A día de hoxe, España conta con 10 plantas de incineración con recuperación de enerxía a partir de residuos urbanos, unha "porcentaxe baixa", tal e como recoñece o Documento de Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Nacional de Enerxías Renovables 2011-2020, "en relación ao potencial existente e á situación doutros países da UE máis avanzados e punteiros na materia", ao que engade que "a actual xerarquía de xestión de residuos urbanos antepón as operacións de incineración ás de eliminación en vertedoiro", considerando á primeira como unha tecnoloxía "plenamente contrastada e fiable".

Loita contra o cambio climático

A enerxía é esencial para o desenvolvemento e, como non podía ser doutra forma, a demanda de electricidade vai unida ao incremento da poboación e ao progreso tecnolóxico. Na actualidade, aínda hai 2.000 millóns de persoas (aproximadamente un terzo da poboación mundial), que non ten acceso á enerxía eléctrica, e espérase que, para o ano 2050, a poboación mundial aumente ata os 10.000 millóns de habitantes, contribuíndo en maior medida a este crecemento nos países en vías de desenvolvemento.

A loita contra o cambio climático converteuse nunha prioridade para a Unión Europea e, dado o seu carácter de inesgotables e respectuosas co medio ambiente, as enerxías renovables desempeñan un papel clave para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, pretendendo que, no marco da Unión Europea, estas representen o 20 por cento do consumo de enerxía final no 2020.

Saúdos, Departamento de Comunicación

 

 

16 Set 2010

Galería