Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Sogama difunde os seus proxectos no Congreso de Medio Ambiente e Saúde que se celebra en Santiago

Print this pagePrint this page
  • Representantes da entidade participarán esta tarde na terceira sesión plenaria, que, moderará o Dr. Luis Espada Recarey, e na que se abordará, entre outras temáticas, o emprendemeento verde e a economía circular.
  • A entidade compartirá mesa con outras compañías do sector tales como Copasa, FCC e Formato Verde.
  • Neste marco, explicará os pormenores das obras de ampliación do seu complexo medioambiental, a operativa da planta de compostaxe industrial, os detalles do seu programa de compostaxe doméstica e vermicompostaxe, así como o impulso que dou ao ferrocarril como medio preferente para o transporte de residuos.
  • Tamén exporá as súas actividades no ámbito da comunicación e divulgación, podendo destacar o seu programa de visitas, polo que pasaron máis de 74.000 persoas, así como a súa recente campaña orientada a reducir o desperdicio alimentario “Comer si, tirar non”.

Cerceda, a 15 de maio de 2018.- Baixo o título “Transformando residuos en recursos”, representantes de Sogama participarán esta tarde no V Congreso Internacional de Medio Ambiente e Saúde que se celebra en Santiago de Compostela (do 14 ao 16 de maio) baixo a dirección do Prof. Dr. Francisco Peña Castiñeira, á súa vez fundador e alma mater do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles 2000-2020.

A intervención de Sogama enmárcase na terceira sesión plenaria do evento, na que se abordará a contribución do mundo empresarial á sostibilidade do planeta e de Galicia, facendo especial fincapé no I+D+i, así como no emprendemento verde e a economía circular.

Será Luis Espada Recarey, Doutor en Ciencias Químicas pola USC e en Química Aplicada pola Universidade de Manchester, ademais de profesor emérito e ex rector da Universidade de Vigo, o encargado de coordinar a mesa de exposicións e debate na que, ademais de Sogama, participarán  portavoces doutras compañías públicas do sector ambiental tales como Copasa, FCC e Formato Verde.

CARA A UNHA XESTIÓN MÁIS SOSTIBLE

Por parte desta entidade pública, daranse a coñecer os pormenores do proxecto de ampliación do complexo medioambiental de Cerceda, que verá incrementada a súa capacidade nun 81% coa posta en marcha dunha planta para a selección dos  envases contidos no lixo convencional, á que se unirá a remodelación da actual planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, circunstancia que fará posible que a empresa poida tratar en condicións óptimas ata 1 millón de toneladas de residuos urbanos anuais, é dicir, a totalidade do lixo destas características producido en Galicia. Esta mellora permitiralle multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe e reducir a mínimos o vertido, de tal forma que só depositará en vertedoiro aquela fracción de refugallos que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente.

Se todo segue o seu curso, a ampliación de Sogama, que se desenvolve en dúas fases, estará culminada a finais de 2019, momento no que esta infraestrutura industrial logrará posicionarse como unha das máis grandes e eficientes de Europa e do mundo, consolidando o seu liderado en España.

Aludirase igualmente á firme aposta que a entidade fixo polo transporte sostible ao promover o uso prioritario do ferrocarril, que foi incrementado desde un 25% inicial a un 45%, prevendo chegar este mesmo ano ao 55%.

COMPOSTAXE EN TODA A SÚA AMPLITUDE

Así mesmo, farase especial mención á recentemente construída planta de compostaxe, ubicada no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa, e que dará servizo aos municipios máis próximos, unha vez que estes implanten a recolida selectiva da fracción orgánica, prevendo que a instalación poida entrar en período de probas ao longo deste ano.

Darase a coñecer igualmente a situación do dobre programa de compostaxe no que a compañía vén traballando desde fai tempo e que combina a compostaxe doméstica, con preto de 240 entidades adscritas e máis de 8.000 composteiros repartidos, e a vermicompostaxe, protagonizada por lombrigas de terra e aínda en fase experimental, con 5 entidades adheridas e máis de 80 recipientes distribuídos.

EDUCACIÓN E CONCIENCIACIÓN

Tras unha visión esquemática da dimensión técnica, farase un repaso polas principais actividades de educación e concienciación social promovidas desde Sogama e entre as que cabería destacar o programa de visitas ás súas instalacións, polo que pasaron, de forma moi satisfactoria, máis de 74.000 persoas de distintos perfís educativos e profesionais; o programa educativo “Recíclate con Sogama”, orientado aos escolares galegos a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia; a súa plataforma educativa “Caderno Verde”; os seus cursos en liña sobre xestión de residuos e economía circular, con excelente acollida por parte de distintos sectores sociais; as súas accións formativas sobre redución de residuos e reciclaxe e, máis recentemente, a súa campaña para minorar o desperdicio alimentario. Co título “Comer se, tirar non”, proporciónanse ao cidadán, a través dunha guía didáctica, complementada con microvídeos informativos, cuñas radiofónicas, un xogo escolar e charlas formativas, unha serie de recomendacións e consellos de utilidade para diminuír a cantidade de comida que cada día acaba arroxada ao cubo do lixo.

Saúdos, Departamento de Comunicación

15 Mai 2018

Galería