SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Sogama entrega no concello de Pazos de Borbén unha nova partida de composteiros

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Desta forma serán preto de 200 os recipientes destas características que a empresa pública subministrou ao ente local para que cada vez sexan máis as familias que leven a cabo prácticas de autocompostaxe.
  • Con esta iniciativa, os participantes teñen a oportunidade de reciclar a materia orgánica na propia vivenda e elaborar o seu propio compost a partir da mesma, un proceso con grandes beneficios.

Cerceda, a 21 de maio de 2020.-  O concello pontevedrés de Pazos de Borbén decidiu retomar o seu programa de compostaxe doméstica e amplialo a novas familias para que cada vez sexan máis os veciños que participen nesta iniciativa, con destacados beneficios ambientais, económicos e sociais.

A solicitude do ente local, en próximas datas Sogama entregará no municipio 25 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil, para que poidan ser distribuídos entre outras tantas familias que reúnan as condicións, é dicir, que habiten en vivendas unifamiliares e que estas dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante e pechar así o círculo de aproveitamento da materia orgánica in situ.

Con esta nova entrega, e sumadas a outras anteriores, serán preto de 200 os fogares de Pazos de Borbén que participan activamente neste programa, co que conseguen diminuír a cantidade de residuos depositados no contedor verde convencional, gañar en comodidade e evitar os continuos desprazamentos aos contedores, xa que os restos orgánicos xestiónanse e trátanse na propia vivenda. A partir dos mesmos obteñen un compost de alta calidade e rico en nutrientes que ata protexe o solo fronte a pragas e outras enfermidades.

Se ben Sogama proporciona de forma gratuita os medios materiais, persoal do concello será o encargado de realizar un seguimento do proxecto a fin de comprobar se este cumpre as expectativas e avaliar a implicación e colaboración da veciñanza.

Os interesados poden ampliar os seus coñecementos neste ámbito a través da web www.compostaconsogama.gal, na que tamén atoparán recursos divulgativos e lúdicos.

A día de hoxe, Sogama distribuíu de forma gratuita preto de 13.500 composteiros entre concellos, centros educativos e colectivos sociais de distintos puntos de Galicia.

Saúdos, Departamento de Comunicación

21 Mai 2020

Galería