Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Sogama, a estudo nun curso de formación promovido pola Fundación Laboral da Construción

Print this pagePrint this page
  •  Estudantes de Vigo realizaron unha visita ao complexo industrial de Cerceda para comprobar a súa operativa, dinámica e infraestrutura.
  • Trala sesión teórica, impartida por educadores especializados, efectuaron un percorrido guiado polas distintas instalacións, tendo así a oportunidade de analizar as súas características e funcionalidades.
  • Sogama recibe actualmente os residuos urbanos producidos por 294 concellos, prevendo que, no ano 2019, conte coa capacidade necesaria para tratar, de ser o caso, a totalidade dos residuos domésticos producidos en Galicia.
  • Con tal fin, e nun marco de economía circular, iniciou un proceso de ampliación que, ademais, permitiralle incrementar a súa achega ao reciclado e diminuír o vertido a mínimos.

Cerceda, a 12 de marzo de 2018.-  Un grupo de alumnos dun curso de formación ocupacional desenvolvido en Vigo, e promovido pola Fundación Laboral da Construción, visitaron recentemente o complexo industrial de Cerceda (A Coruña) co obxectivo de estudar a súa operativa e dinámica.

Trala sesión teórica previa, onde os educadores ao servizo de Sogama explicaron as características e cometido desta entidade pública, á que están adscritos 294 concellos, dando cobertura a máis de 2.260.000 habitantes, os estudantes realizaron un percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman a infraestrutura central da entidade.

DE RESIDUOS A RECURSOS

Seguindo o itinerario establecido, adentráronse na planta de clasificación, onde se separan os materiais depositados polos cidadáns nos contedores amarelos (latas, briks e envases de plástico), utilizando para isto mecanismos tales como lectores ópticos, electroimáns, campás aspiradoras e correntes de Foucault. Unha vez prensados e embalados, os envases son remitidos aos centros recicladores a fin de cobrar unha nova vida e reincorporarse ao circuíto comercial.

Acto seguido, tiveron a oportunidade de ver a planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, instalación na que se somete a tratamento o residuo xenérico, segregando a parte que aínda pode ser reciclada (é o caso do aceiro, aluminio e vidro) e transformando en enerxía eléctrica, a través dunha tecnoloxía denominada de “leito fluído circulante”, a fracción non reciclable. Desta forma, a compañía consegue poñer en valor aqueles refugallos que, dadas as súas características, e de non seguir este camiño, estarían condenados a ser depositados en vertedoiro, co conseguinte risco ambiental.

Cabe recordar que, o pasado mes de outubro, Sogama iniciou as obras de ampliación do seu complexo industrial co fin de incrementar a súa capacidade de tratamento. Así, no ano 2019, a empresa estará en condicións de tratar nas mellores condicións todos os residuos municipais producidos en Galicia. Esta mellora permitiralle, ademais, incrementar a súa achega á reciclaxe, multiplicando as cifras actuais por catro, e diminuír o uso do vertedoiro a mínimos, pretendendo chegar ao vertido técnico cero.

Esta actuación enmárcase na política corporativa da entidade, rexida por unha total transparencia e altos estándares de calidade e eficiencia propios dun modelo de desenvolvemento definido pola economía circular.

Saúdos, Departamento de Comunicación

12 Mar 2018

Galería