SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Sogama imparte en Coristanco dous cursos de formación sobre compostaxe doméstica

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Terán lugar mañá e pasado (15 e 16 de setembro), ás 19:30 horas, no Edificio de Servizos Múltiples.
  • Técnicos desta empresa pública explicarán a operativa a seguir polos participantes a fin de obter un abono natural de alta calidade que poida ser aplicado na agricultura con garantías.
  • Sogama subministrou a este concello 100 composteiros de 390 litros de capacidade que serán entregados a outras tantas familias que habiten en vivendas unifamiliares e dispoñan de terreo.

Cerceda, a 14 de setembro de 2020.- Trala adhesión do Concello de Coristanco (A Coruña) ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, técnicos da empresa pública, a petición do propio ente local, desprazaranse a este municipio mañá e pasado (días 15 e 16 de setembro) para impartir senllos cursos de formación dirixidos aos veciños que, voluntariamente, teñan decidido participar nesta iniciativa. Ambas xornadas celebraranse, ás 19:30 horas, no Edificio de Servizos Múltiples.

Debido ás medidas de seguridade e de protección enmarcadas na pandemia do COVID-19, programáronse dúas sesións para que o aforo de cada unha sexa menor (ocupando tan só o 30% de capacidade do espazo dispoñible) e as persoas interesadas poidan recibir as atencións necesarias sen riscos.

Coa axuda de distintos recursos (presentacións e vídeos), explicarase aos asistentes a técnica a aplicar para obter un compost de calidade: desde o propio emprazamento do composteiro, que debe colocarse nunha zona sombreada, protexida do vento e en contacto directo co solo para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, sen esquecer o control de parámetros clave como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.

O obxectivo é que o abono natural resultante do proceso cumpra con todos os requisitos recollidos na normativa vixente e poida ser aplicado na agricultura con garantías e sen restricións.

A fin de complementar as instrucións que se proporcionarán in situ, as familias participantes recibirán un manual didáctico de apoio no que se describen os pasos a seguir, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e resólvense os erros máis comúns.

Adicionalmente, teñen á súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal

Coristanco recibiu, de mans de Sogama, un total de 100 composteiros (de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) que serán entregados a outras tantas vivendas unifamiliares que conten con terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o círculo de reciclaxe da materia orgánica. Será o persoal do propio concello o encargado de facer o seguimento desta iniciativa, con grandes beneficios ambientais, económicos e sociais.

Saúdos, Departamento de Comunicación

14 Set 2020

Galería