SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Sogama imparte en Laracha un curso de formación sobre compostaxe doméstica

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • A xornada, que terá lugar mañá, 1 de xullo, na Casa da Cultura (20:00 horas), será aproveitada polo concello para repartir 100 composteiros entre outras tantas familias.
  • Con esta nova partida serán 205 os fogares laracheses adscritos a esta iniciativa, coa que se pretende poñer en valor a materia orgánica mediante a súa conversión en compost.
  • Así mesmo, cabe destacar que Laracha foi o primeiro concello en implantar a recollida selectiva da fracción orgánica a través do quinto contedor e xa vén utilizando os servizos da planta de compostaxe industrial de Sogama desde o pasado mes de febreiro.

Cerceda, a 30 de xuño de 2020.- Técnicos de Sogama desprazaranse mañá á localidade veciña de  Laracha (A Coruña)  para impartir un curso de formación sobre compostaxe doméstica, que será aproveitado polo concello para repartir os 100 composteiros entregados gratuitamente por esta empresa pública.

Desta forma, e tendo en conta subministracións anteriores, serán 205 os fogares de Laracha adscritos a esta iniciativa, coa que se pretende poñer en valor a materia orgánica nas propias vivendas, contribuíndo a alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

Na sesión de mañá,  que terá lugar na Casa da Cultura, ás 20:00 horas, proporcionarase aos asistentes a información necesaria para que poidan aplicar a técnica de autocompostaxe de forma correcta e, deste xeito, obter un compost de calidade que cumpra con todos os requisitos contemplados na normativa vixente.

Con tal fin, exporanse todos os pasos a dar: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar colocado nunha zona sombreada e protexida, e en contacto coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata o control de parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.

Así mesmo, e no marco deste encontro, os veciños terán a oportunidade de consultar dúbidas e ampliar os seus coñecementos, contando tamén para isto cunha páxina web específica promovida por Sogama www.compostaconsogama.gal.

De forma complementaria, cada participante recibirá un manual didáctico de apoio no que se describe o proceso a seguir e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes.

PIONEIRO NA IMPLANTACIÓN DO QUINTO CONTEDOR

Cabe destacar que o concello de Laracha foi o primeiro en implantar a recollida selectiva da fracción orgánica a través do quinto contedor de cor marrón.

Tras levar a cabo unha ambiciosa campaña de concienciación e sensibilización porta a porta, o ente local vén entregando a materia orgánica recollida selectivamente na planta de compostaxe industrial de Sogama desde o pasado mes de febreiro.

Coa combinación de ambas modalidades (compostaxe industrial e doméstica), Laracha pretende incrementar de forma exponencial a súa achega á reciclaxe e dar así debido cumprimento aos ambiciosos obxectivos europeos no ámbito da recuperación de residuos, contribuíndo de igual forma á economía circular.

Saúdos, Departamento de Comunicación

30 Xuñ 2020

Galería