SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Sogama imparte en Ponteceso unha sesión formativa sobre compostaxe doméstica

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Terá lugar mañá, sábado, ás 11:00 horas, no Centro Cultural Melga, onde un técnico desta empresa pública explicará aos asistentes o proceso completo de autocompostaxe: desde a localización do composteiro ata a obtención do abono resultante.
  • Sogama entregou a Ponteceso, en dúas fases, un total de 80 composteiros con capacidade para 390-400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.

Cerceda, a 17 de setembro de 2021.- Un técnico de Sogama desprazarase mañá, sábado, a Ponteceso para impartir un curso presencial sobre compostaxe doméstica a fin de que os veciños deste concello coruñés conten coa formación necesaria para elaborar nas súas casas un compost de alta calidade.

A sesión terá lugar, ás 11:00 horas, no Centro Cultural  Melga e o obxectivo da mesma é explicar aos asistentes o proceso completo de  autocompostaxe: desde a colocación do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos  descompoñedores, ata a relación de materiais que deben –e non deben- depositarse no mesmo, control de parámetros tales como osíxeno, temperatura e humidade, e beneficios para o solo, xa que o abono obtido, non só lle achega nutrientes, senón que mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.

Sogama entregou a Ponteceso, en dúas fases, un total de 80 composteiros con capacidade para 390-400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables. A vantaxe destes recipientes é que propician un proceso máis eficiente, cómodo e hixiénico.

Os veciños que voluntariamente participen nesta iniciativa, deben habitar en vivendas unifamiliares que conten con terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que aplicar o abono resultante, pechando así o círculo de aproveitamento da materia orgánica para darlle unha nova vida.

Con cada composteiro entregarase aos usuarios un manual didáctico a fin de que lles sirva de guía, dando contestación no mesmo ás preguntas e dúbidas máis frecuentes. Ademais, os interesados dispoñen dunha páxina web específica www.compostaconsogama.gal, a través da cal terán a oportunidade de complementar coñecementos e acceder a recursos divulgativos.

O QUINTO CONTEDOR CHAMA Á PORTA

Así mesmo, a empresa pública lembra que, antes do 31 de decembro de 2023, os concellos deben ter implantada a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón co fin de tratala na correspondente planta de compostaxe.

Carballo, Laracha e Cerceda xa o fixeron. Sogama confía en que, aos poucos, se vaian sumando o resto dos entes locais, dando debido cumprimento ás esixencias establecidas pola Unión Europea.

Saúdos, Departamento de Comunicación

17 Set 2021

Galería