Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

Sogama imparte en Vilagarcía de Arousa un novo curso de formación sobre compostaxe doméstica

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • A localidade conta xa cun centenar de composteiros domiciliarios subministrados pola empresa pública.
  • O obxectivo deste curso, a impartir por técnicos especialistas na materia, é formar ás 30 últimas familias que se incorporaron a esta iniciativa para que, do mesmo xeito que as anteriores, obteñan un abono de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente.
  • Condición indispensable é que habiten en vivendas unifamiliares que conten con horta ou xardín no que aplicar o compost resultante.
  • A día de hoxe, 78 entidades da provincia de Pontevedra atópanse adscritas ao programa de autocompostaxe de Sogama, tendo distribuído entre as mesmas preto de 2.700 composteiros.

Cerceda, a 14 de novembro de 2017.-  Con motivo da incorporación de 30 novas vivendas da localidade de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) ao programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama, esta entidade pública, a petición do concello, impartirá mañá, 15 de novembro, no Auditorio (18:30 horas), un novo curso de formación presencial a fin de que os veciños de nova incorporación reciban as instrucións oportunas sobre a técnica a aplicar, garantindo desta forma a obtención dun abono natural de boa calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente.

Os pormenores da operativa serán explicados por técnicos especialistas na materia, os cales detallarán os pasos a seguir: desde a propia localización do composteiro, de 350 litros de capacidade e fabricado con material reciclado e reciclable, ata a relación de refugallos que deben e non deben ser depositados no mesmo, e o control de parámetros como a temperatura e a humidade.

Identificarán igualmente os erros máis comúns, a fin de que poidan ser subsanados polos participantes sen contratempos, e disiparán todas as dúbidas que os asistentes poidan presentar. O obxectivo é que o proceso a desenvolver nas vivendas, que en todo caso deben ser unifamiliares e dispoñer de horta ou xardín no que aplicar o compost obtido, se desenvolva da mellor forma posible a fin de alcanzar os seus beneficios: menos emisións de CO2 debido a unha menor frecuencia na recollida e transporte do lixo, redución do importe da factura a pagar a Sogama e recuperación dunha práctica tradicional en Galicia como é a segregación da fracción orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost.

A día de hoxe, Sogama entregou ao concello de Vilagarcía de Arousa un total de 100 composteiros, así como diverso material divulgativo de apoio (carteis e manuais) co que dar a coñecer o proceso e guiar o seu correcto desenvolvemento.

Así mesmo, a entidade pública conta desde fai un tempo cunha páxina web específica www.compostaconsogama.gal, na que o internauta pode atopar toda a información necesaria para elaborar o seu propio compost con garantías, accedendo igualmente a recursos complementarios (vídeos e xogos) cos que reforzar a súa bagaxe e solventar posibles erros.

A día de hoxe, 78 entidades da provincia de Pontevedra (entre concellos, centros escolares e colectivos sociais) atópanse adscritas ao programa de compostaxe doméstica Sogama, tendo distribuído entre as mesmas preto de 2.700 composteiros.

Saúdos, Departamento de Comunicación

14 Nov 2017

Galería