SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Sogama imparte formación ambiental no IES “Xograr Afonso Gómez” de Sarria

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Educadores desta empresa pública viaxarán mañá, día 15, a este municipio lucense para instruír aos escolares na xestión sostible dos residuos urbanos.
  • O IES Xograr Afonso Gómez distinguiuse desde sempre polas súas numerosas e exitosas iniciativas orientadas á protección ambiental, traballo polo que foi recoñecido en diversas ocasións, tendo recibido o premio “Ecovaledor” de mans do presidente de Sogama, Javier Domínguez.
  • Cabe recordar que este centro foi un dos primeiros que visitou o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, mantendo desde entón unha estreita relación con esta empresa pública, quen valorou e enxalzou en todo momento o seu indiscutible compromiso ambiental.

Cerceda, a 14 de xaneiro de 2020.-  Aínda que os escolares do IES Xograr Afonso Gómez son uns avantaxados en materia ambiental, toda vez que teñen o privilexio de contar cunha dirección moi sensibilizada coa protección da contorna e a vida saudable, mañá, a petición do centro, educadores ao servizo de Sogama desprazaranse a Sarria para impartir varias sesións formativas sobre xestión de residuos e, o máis importante, sobre o papel que os cidadáns deben desempeñar para que esta se leve a cabo de forma sostible.

Este instituto desenvolve o seu propio programa ambiental con diversas actividades nas que se traballa a preservación do medio natural desde a formación en valores (solidariedade, respecto, compañeirismo, empatía, …).

Non en van, contan cunha iniciativa denominada “Aulas limpas e xeitosas”, a través da cal, e coa axuda do persoal de limpeza, avalíase a orde e o bo estado do espazo de traballo. Desta forma, inculcan aos seus alumnos un comportamento cívico que, sen lugar a dúbidas, propicia un maior rendemento e unha mellor convivencia.

Os numerosos e exitosos plans de acción impulsados por este centro  levoulle a facerse con varios recoñecementos, entre eles o premio “Ecovaledor”, que entregou no seu momento o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino.

Así mesmo, cabe recordar que o Xograr Afonso Gómez foi un dos primeiros centros educativos que visitou o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, mantendo desde entón unha estreita relación con esta empresa pública, quen valorou e enxalzou en todo momento o seu indiscutible compromiso ambiental.

Na xornada de mañá, incidirase na importancia clave que ten o consumo responsable, a menor xeración de lixo, a reutilización dos produtos e a correcta segregación dos mesmos, unha vez convertidos en residuos, para que, tras ser depositados nos correspondentes contedores, se convertan en novos produtos.

As sesións servirán tamén para clarificar dúbidas e recoller as impresións e achegas dos escolares a través dun coloquio no que se abordarán distintas temáticas tales como a contaminación por plásticos, a compostaxe e, por suposto, a economía circular.

Saúdos, Departamento de Comunicación

14 Xan 2020

Galería