SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Sogama lanza a Newsletter corporativa de xuño repasando as súas accións durante o COVID-19

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Tras crear un gabinete de crise liderado polo presidente da Sociedade, Javier Domínguez Lino, a compañía, reforzando ata o máximo todas as medidas de protección e seguridade, loitou sen descanso para seguir prestando, nas mellores condicións posibles, o servizo de xestión de residuos urbanos, cualificado como esencial tralo decreto do estado de alarma.

Cerceda, a 18 de xuño de 2020.- Sogama saca á luz un novo número da Newsletter corporativa, concretamente o 44, e faino repasando algunhas das súas accións empresariais durante a pandemia do COVID-19.

Tras crear un gabinete de crise liderado polo presidente da Sociedade, Javier Domínguez Lino, a compañía, reforzando ata o límite todas as medidas de protección e seguridade, loitou sen descanso para seguir prestando, nas mellores condicións posibles, o servizo de xestión de residuos, cualificado como esencial no marco do decreto do estado de alarma.

Tal e como manifestou Domínguez en diversas ocasións, o camiño foi pedregoso nalgúns momentos ante a dificultade de atopar no mercado os elementos de protección necesarios para protexer a saúde dos traballadores e desenvolver ao mesmo tempo a súa actividade para evitar que unha ineficiente xestión dos residuos puidese agravar o xa de por si gran problema de saúde pública.

Con moito tesón e esforzo, conseguiuse vencer todos os obstáculos e contratempos, garantindo en todo momento o correcto tratamento dos residuos que cada día producen máis de 2.242.000 persoas que habitan nos 295 concellos adscritos ao modelo Sogama.

Así mesmo, e dada a elevada produción de refugallos sanitarios como consecuencia da pandemia, o SERGAS, a través da Consellería de Medio Ambiente, recorreu a esta empresa pública para que se fixese cargo do tratamento de materiais tales como máscaras, luvas, buzos e asimilables. O motivo desta solicitude non era outro que a sobresaturación das instalacións que habitualmente asumían en Galicia a xestión destes residuos.

Tras unha adaptación técnica no Complexo Medioambiental de Cerceda, que se levou a cabo nun tempo récord, Sogama valorizou enerxeticamente, seguindo as instrucións do Ministerio de Sanidade e Ministerio para a Transición Ecolóxica, preto de 65.000 quilos de refugallos sanitarios de baixo risco procedentes de centros adscritos ao SERGAS; un labor que rematou o pasado 22 de maio grazas á boa  evolución do coronavirus en Galicia.

FORMACIÓN AMBIENTAL CONTINUA

Se ben o plan de acción da compañía estivo focalizado en facer fronte ao impacto do COVID sobre a súa xestión, continuou atendendo outros proxectos que xa tiña en marcha a fin de propiciar o seu correcto desenvolvemento. É o caso das actividades formativas online, reunións virtuais con outras entidades para intercambiar coñecementos, experiencias e boas prácticas, e tamén o lanzamento de campañas de formación, concienciación e sensibilización na xestión sostible dos residuos: “A reciclaxe sempre en #Trending Topic na nosa terra”, dirixida aos máis novos con motivo da conmemoración do Día Internacional da Reciclaxe, ou ben “Recicla a túa forma de vida”, orientada ao público en xeral.

Igualmente, promoveu, durante a etapa de confinamento, a serie “#EuQuedoNaCasa co #CadernoVerde”, conformada por 15 unidades didácticas coas que pretendía instruír aos pequenos nos bos hábitos de hixiene, limpeza e relacións sociais para implicalos na loita contra o coronavirus, ao tempo que ligaba estas recomendacións con aqueles xestos impulsores da reciclaxe e beneficiosos para o medio ambiente e a saúde.

Así mesmo, e coa pretensión de axudar aos seus provedores a soportar o impacto económico desta crise, Sogama reduciu o período de pago de facturas de 30 a 10 días, reactivando, a principios de maio, e tralo obrigado parón administrativo, a contratación pública con licitacións de obras e servizos por un importe superior aos 5,1 millóns de euros.

Saúdos, Departamento de Comunicación

18 Xuñ 2020

Galería