Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

Sogama licita, por máis de 3,2 millóns, a xestión integral das depuradoras do seu complexo

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O contrato estrutúrase en dúas partidas diferenciadas: a xestión propiamente dita, dotada con 3.069.917,80 euros, e os investimentos e actuacións en equipos, con 210.000 euros.
  • Establecido para un período de 3 anos, poderá ser prorrogado ata un máximo de 4.
  • Contémplanse unha serie de garantías e penalizacións nas que cobra peso a rigorosa depuración dos efluentes dentro dos prazos de produción, dando cumprimento aos parámetros de vertido contemplados na AAI.
  • A compañía dispón no seu complexo de dúas depuradoras, unha físico-química e outra biolóxica, que funcionan as 24 horas do día e os 7 días da semana.
  • No marco deste contrato, prevese instalar un sistema adicional de depuración baseado en ósmose inversa co obxectivo de diminuír a condutividade no vertido de augas residuais.

Cerceda, a 13 de marzo de 2018.-  A Sociedade Galega do Medio Ambiente saca a licitación a xestión integral das depuradoras do seu complexo industrial de Cerceda (A Coruña), incluíndo os labores de operación, mantemento e limpeza.

O contrato, cun orzamento total de 3.279.917,80 euros (+ IVE), estrutúrase en dúas partidas, correspondendo 3.069.917,80 euros á xestión propiamente dita e 210.000 euros a investimentos e actuacións en equipos,

Establecido para un período de 3 anos, poderá prorrogarse de forma expresa por un período anual adicional, ata un máximo de 4.

GARANTÍAS

Contémplanse  unha serie de garantías técnicas e penalizacións nas que, como non pode ser doutra forma, cobra peso a rigorosa depuración dos distintos efluentes, que deberá realizarse dentro dos prazos de produción a fin de que non teña lugar unha excesiva acumulación dos mesmos nas balsas de vertidos, garantindo de forma permanente os parámetros de vertido dentro dos límites legais contemplados na Autorización Ambiental Integrada (AAI) e as súas revisións

Ademais do nivel das balsas, que non poderá superar a clasificación de “Alto”, vixiaranse de forma pormenorizada outras cuestións vinculadas ao mantemento legal e ordinario das instalacións, ao almacenamento de produtos químicos e residuos xerados, ás tarefas propias de limpeza e, por suposto, ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais.

DEPURACIÓN REFORZADA

Sogama dispón no seu complexo cercedense de dúas depuradoras, unha físico-química e outra biolóxica, que funcionan as 24 horas do día e os 7 días da semana, nas que se procesa o conxunto dos efluentes derivados do normal funcionamento das distintas plantas integradas neste recinto.

Con carácter mensual, o adxudicatario debe entregar á empresa matriz un informe de explotación completo no que se detallen, entre outras cuestións, o caudal diario de auga depurada, nivel de cada unha das balsas de lixiviado e a balsa de homoxeneización, resultados das análises químicas e analíticas, medias de lodos xerados na depuración, emprego de consumibles e reactivos e incidencias relativas ao persoal.

No marco deste novo contrato, Sogama prevé instalar un sistema adicional de depuración baseado en ósmose inversa a fin de diminuír a condutividade no vertido de augas residuais industriais do complexo. En todo caso, será a Sociedade a que especifique no seu momento as pautas de operación, establecendo os fluxos a procesar.

Así mesmo, o adxudicatario queda obrigado a dotar un novo edificio de servizos, que, en todo caso, asentarase nas inmediacións da depuradora físico-química, debendo estar operativo nun período máximo de seis meses.

O prazo para a presentación de ofertas conclúe o próximo 24 de abril, ás 13:00 horas.

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Mar 2018

Galería