Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Sogama participa na Semana Europea da Prevención de Residuos coa campaña Reducir para Sumar

Print this pagePrint this page
  • Na mesma intégrase un paquete de accións para traballar a redución de residuos en diferentes escenarios e con distintos públicos.
  • É o caso da edición do libro de receitas de cociña con sobras de comida aportadas polo centro penitenciario de Monterroso (Lugo) e bautizado co título “Saboroso reciclaxe”.
  • Tamén dentro desta iniciativa, Sogama publicará un manual de boas prácticas orientado á poboación en xeral a fin de que esta introduza a sostibilidade na xestión dos seus refugallos.
  • De forma complementaria, educadores ao servizo da Sociedade impartirán charlas, informativas e formativas, en concellos próximos ao complexo medioambiental da compañía, isto é, Cerceda, Arteixo, Carballo, Laracha e Ordes, estando orientadas a diferentes colectivos.
  • Adicionalmente, a entidade entregará nos centros escolares de infantil e primaria destas localidades unha tirada de libros medioambientais protagonizados por Os Bolechas, ademais doutra dun conto infantil editado conxuntamente con Ecovidrio.

Cerceda, a 9 de novembro de 2018.- “Reducir para sumar”. Así reza o lema da campaña que Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, despregará con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos 2018 e na que xa formalizou a súa inscrición.  Con tal fin, a Sociedade deseñou un paquete de medidas no que, desde unha perspectiva social, integrou a diferentes sectores.

Unha delas é a edición, en formato dixital, dun libro que, baixo o título “Saboroso reciclaxe”, aglutina máis de 60 receitas de cociña con sobras de comidas aportadas polo centro penitenciario de Monterroso (Lugo). A publicación, enmarcada no seu proxecto “Don´t Waste Food” (A comida non se tira), faise eco de exquisitos pratos, para todos os gustos e paladares, protagonizados por restos de alimentos. Aperitivos, entrantes, peixes, carnes e sobremesas integran un libro multicultural que pon a guinda a un intenso traballo que a Escola de Adultos desta institución, dirixida por Pedro Cantero, leva a cabo fai máis dun ano para reducir o desperdicio alimentario e, polo tanto, a cantidade de comida que cada día acaba arroxada ao cubo do lixo. A iniciativa tamén é aproveitada para recuperar o valor dos alimentos e enxalzar a importancia que, para a saúde, ten unha dieta equilibrada e variada.

O libro complétase coa edición dun manual, en soporte dixital, de boas prácticas para diminuír a produción de refugalloss en orixe dirixida á poboación en xeral. No mesmo proporciónanse as claves para consumir de forma responsable, minimizar o desperdicio alimentario, descartar os produtos de usar e tirar, dar unha segunda vida á roupa, segregar correctamente os residuos en orixe e depositalos nos contedores correspondentes para propiciar o seu reciclado. Tamén se presta atención a aqueles residuos que ensucian en gran medida as nosas cidades e contornas naturais, como son as cabichas e chicles, e que son difíciles e caros de limpar e eliminar, incidindo na necesidade de alongar a vida útil dos dispositivos eléctricos e electrónicos, tendo en conta que o lixo electrónico está crecendo tres veces máis rápido que o resto dos residuos.

A entidade recorda que o mellor residuo é o que non se produce e alude ao criterio multierre, característico da economía circular, como a mellor folla de ruta para xestionar de forma sostible os refugallos producidos: redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar, reciclar e recuperar enerxeticamente a fracción non reciclable.

CHARLAS FORMATIVAS E MATERIAL DIDÁCTICO DE APOIO

Adicionalmente, educadores ambientais ao servizo de Sogama impartirán charlas informativas e formativas en concellos próximos ao seu complexo medioambiental, isto é, Arteixo, Cerceda, Carballo, Laracha e Ordes a fin de recordar a importancia da prevención e a activa participación dos cidadáns no sistema de recollida selectiva. Nuns casos, o público obxectivo estará conformado por escolares e, noutros, por veciños en xeral, dándolles a oportunidade de que poidan reforzar os seus coñecementos na materia e consulten todas as súas dúbidas.

Ademais, os centros educativos de infantil e primaria destes municipios serán obsequiados con tiradas de libros protagonizados por Os Bolechas, personaxes de ficción moi coñecidos na literatura infantil galega, que ensinarán aos máis pequenos os xestos a adoptar para xestionar de forma correcta os seus residuos. “Como producir menos lixo”, “Que se fai co lixo que chega a Sogama” e “Que se bota non contedor amarelo” son os tres títulos das publicacións que pasarán a formar parte do fondo bibliográfico das bibliotecas escolares. O conto “Mr. Iglú fai amigos”, editado conxuntamente por Ecovidrio e Sogama para formar a nenos e nenas na reciclaxe do vidro, complementará os títulos anteriores.

Saúdos, Departamento de Comunicación

9 Nov 2018

Galería