SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Sogama repartirá 2.000 quilos de compost entre os municipios de Carballo e Laracha

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Son os dous concellos pioneiros que decidiron implantar no seu momento o quinto contedor, de cor marrón, para recoller de forma diferenciada a materia orgánica e transformala en abono na planta de compostaxe de Sogama.
  • As distintas caracterizacións realizadas por parte da empresa pública viñeron acreditando a alta calidade dos residuos orgánicos procedentes destes municipios, cun nivel de impropios de tan só o 3%.
  • Así mesmo, estas localidades apostaron firmemente pola compostaxe doméstica, recibindo de Sogama ao redor de 700 composteiros, así como a formación e o material didáctico correspondente.

Cerceda, a 17 de outubro de 2021.- Sogama repartirá 2.000 quilos de compost entre os dous concellos pioneiros na implantación do quinto contedor, de cor marrón, para recoller de forma diferenciada a materia orgánica e convertela en abono na súa planta de compostaxe. É o caso dos municipios veciños de Carballo e Laracha.

Co fin de que a poboación destas localidades poida comprobar por si mesma o resultado da súa implicación e esforzo, cada ente local entregará á veciñanza bolsas de compost, un abono natural elaborado na planta de biorresiduos de Sogama, en Cerceda, con excelentes propiedades fertilizantes para a agricultura e a xardinería.

Malia o impacto da pandemia e as dificultades inherentes á mesma, os municipios deron continuidade á recollida selectiva da fracción orgánica, adiantándose así ao cumprimento dunha norma que será obrigatoria para todos os concellos galegos antes do 31 de decembro de 2023.

As distintas caracterizacións dos residuos recollidos a través do contedor marrón, acreditaron a alta calidade dos mesmos, xa que máis do 96% era materia orgánica, fundamentalmente restos de alimentos, e tan só os 3% elementos impropios.

Para alcanzar estes bos resultados, os dous concellos levan a cabo campañas de formación e concienciación para promover a colaboración dos veciños na recollida diferenciada das distintas tipoloxías de residuos, prestando especial atención á fracción orgánica.

Dado o éxito de todo o proceso, confíase en que máis municipios da área de influencia da planta de compostaxe de Cerceda se sumen a esta iniciativa. De feito, Sogama tamén repartirá bolsas de compost noutras localidades próximas a fin de que cunda o exemplo e se unan a un camiño que xa non ten marcha atrás, o da economía circular, convertendo a materia orgánica nun recurso que volve a dar vida.

TECENDO UNHA AMBICIOSA REDE

Se ben a xestión dos residuos urbanos é unha competencia municipal, a Xunta tendeu a man aos  concellos para axudalos a dar debido cumprimento á lei. Desta forma, á planta de biorresiduos de Sogama en Cerceda seguiralle a construción doutras tres instalacións destas características que se levantarán en Cervo (Lugo), Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Verín (Ourense). Todas elas estarán equipadas coas últimas tecnoloxías para propiciar un compost de alta calidade e garantir que a súa actividade non afecta o medio ambiente nin á poboación. Ademais de todo isto, estarán alimentadas con enerxías renovables, sendo autosuficientes desde o punto de vista enerxético.

Así mesmo, contarán co apoio de 13 plantas de transferencia, que serán acondicionadas, transformadas ou adaptadas para poder transvasar nas mesmas a materia orgánica, que logo serán transportada á planta de compostaxe máis próxima.

O obxectivo é que esta rede, á que se destinará un investimento de 35 millóns de euros, contando cun cofinanciamento dos Fondos FEDER (30 millóns) como resposta da Unión Europea á crise da COVID-19, entre en funcionamento a finais de 2022, dando cobertura a máis de 2,2 millóns de galegos. Desta forma, propiciarase que a meirante parte dos municipios teñan unha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 km de distancia, garantindo así unha resposta efectiva aos obxectivos europeos no ámbito da reciclaxe.

Igualmente, cabe destacar a firme aposta que Carballo e Laracha fixeron pola compostaxe doméstica, encargándose Sogama de subminitar a estes  concellos, de forma gratuíta, ao redor de 700 compostadores, ademais de proporcionar o material didáctico para distribuír entre os participantes.

Compostaxe doméstica e industrial conviven á perfección en dúas localidades plenamente comprometidas co medio ambiente e a valorización dos residuos para a súa transformación en novos recursos. Todo un exemplo de economía circular.

Saúdos, Departamento de Comunicación

17 Out 2021

Galería