Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Sogama subministra 50 novos composteiros domésticos no concello de Pazos de Borbén

Print this pagePrint this page
  • Os recipientes, con capacidade para 350 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables.
  • Entregaranse por parte do ente local en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante.
  • Con esta nova partida, serán 95 os fogares deste municipio que xa practican a autocompostaxe.
  • O control de parámetros tales como a humidade, a temperatura e o osíxeno por parte dos usuarios propiciará a obtención dun abono de calidade.
  • A compostaxe doméstica constitúe un proceso que se axusta plenamente ao concepto de economía circular e que trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

Cerceda, a 7 de novembro de 2018.- A solicitude do propio concello de Pazos de Borbén, interesado en estender as prácticas de autocompostaxe entre a súa veciñanza, a Sociedade Galega do Medio Ambiente subministrou nesta localidade pontevedresa 50 novos composteiros, de 350 litros de capacidade  e fabricados con materiais reciclados e reciclables, a fin de que estes sexan entregados noutras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante.

Contabilizando a nova partida, xa son 95 os fogares de Pazos de Borbén que participan activamente no programa de compostaxe doméstica impulsado por Sogama, e ao que anos atrás se adscribiu  o ente local coa pretensión de alcanzar importantes beneficios ambientais e sociais.

Ao pechar o círculo de reciclaxe da materia orgánica en orixe, propíciase que os cidadáns depositen menor cantidade de residuos nos contedores verdes convencionais, circunstancia que podería diminuír a frecuencia de recollida e transporte e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera. Ademais, este sistema permítelles elaborar o seu propio compost, polo xeral de moi boa calidade, evitando a compra de abonos.

DINÁMICA

A operativa comeza coa colocación do composteiro nun lugar axeitado, próximo á vivenda (por comodidade), en contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos organismos des compoñedores, e nunha zona sombreada e protexida de cambios bruscos de temperatura e de humidade.

Resulta conveniente que os restos orgánicos a depositar neste recipiente estean o máis desmenuzados posible para favorecer a súa descomposición. Así mesmo, faise indispensable levar a cabo un control sobre tres parámetros básicos a fin de que o resultado final sexa o desexable: a temperatura, sendo óptima ao redor de 50-60ºC; a humidade, xa que a mestura debe estar húmida, pero non mollada, circunstancia que provocaría a súa putrefacción; e o osíxeno, toda vez que se trata dun proceso aerobio, requirindo que a mestura se remova periodicamente.

O compost favorece a saúde do solo, pois, ao ser un produto natural, libre de compostos químicos e patóxenos, actúa como bactericida e funxicida, reforzando ao mesmo tempo a resistencia das plantas fronte a pragas e enfermidades.

O proceso axústase perfectamente ao concepto de economía circular ao poñer en valor un residuo (a materia orgánica xerada nos fogares) mediante a súa transformación en recurso.

MAIOR SUSTENTABILIDADE

A día de hoxe, xa son 283 entidades de toda Galicia (184 concellos, 84 centros educativos e 15 colectivos sociais) as que se atopan adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas máis de 9.500 composteiros.

A iniciativa, con excelentes resultados, tanto respecto á súa acollida por parte dos cidadáns como á calidade do compost obtido, prosegue o seu camiño co fin de lograr unha maior sustentabilidade na xestión dos residuos urbanos.

Toda a información sobre este programa en www.compostaconsogama.gal.  

Saúdos, Departamento de Comunicación

7 Nov 2018

Galería