Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Sostibilidade, innovación ambiental e calidade do servizo: prioridades de Sogama

Print this pagePrint this page
  • Na súa Newsletter de outubro, a entidade dá conta dalgunhas das accións acometidas durante a época estival, sentando as bases do seu traballo para os próximos meses.
  • As bondades da ampliación do complexo industrial cercedense, que traerá consigo máis reciclaxe e menos vertido, foron expostas polo seu presidente, Javier Domínguez Lino, nunha conferencia impartida en Lisboa, invitado pola APESB e aplaudidas por un nutrido auditorio conformado por altos cargos políticos e técnicos.
  • Así mesmo, técnicos de Xeorxia, no marco dun Twining, visitaron as instalacións de Sogama en Cerceda  interesados polos seus labores de control ambiental, sendo a entidade todo un exemplo a seguir na materia.
  • A entrega do premio Ecovaledor, promovido por Sogama  e La Voz de Galicia, á firma de moda sostible Ecoalf tamén centrou a axenda estival, do mesmo xeito que o incremento, durante o primeiro semestre, e nun 3,5%, das visitas recibidas no complexo cercedense, cunha extraordinaria valoración da súa actividade.
  • O inicio dun novo acordo de colaboración coa Deputación de Ourense permitiu que, no marco do mesmo, se teñan repartido xa 1.125 composteiros domésticos entre outras tantas familias da provincia, contribuíndo á reciclaxe da materia orgánica en orixe.

Cerceda, a 11 de outubro de 2018.- Sogama xa arrancou o curso coa publicación dun novo número da súa Newsletter no que dá conta das diferentes accións acometidas durante a época estival, sentando as bases do seu traballo para os próximos meses.

Sostibilidade, innovación ambiental e calidade do servizo eríxense nas prioridades da súa xestión empresarial, onde a ampliación do complexo industrial de Cerceda adquire especial protagonismo, toda vez que as melloras introducidas no mesmo lograrán situar á Sociedade no primeiro posto do ranking a nivel europeo en canto a magnitude, eficiencia e modernidade, reforzadas pola súa capacidade de xestión, tal e como veu demostrando nos últimos anos con récords de produtividade.

A posta en marcha da nova planta de recuperación de materiais contidos na bolsa negra posibilitará un notable incremento das cifras de reciclaxe da entidade e unha notable diminución das propias de vertido, dando cumprimento, con máis de 15 anos de antelación, aos requirimentos do Consello Europeo, que limitou o pasado mes de maio o uso do vertedoiro ao 10% no horizonte do ano 2035.

Así o explicou o presidente da compañía, Javier Domínguez Lino, nunha conferencia impartida en Lisboa, invitado pola Asociación Portuguesa de Enxeñería Sanitaria e Ambiental (APESB), e onde a firme aposta pola innovación ambiental, reflectida na nova instalación xa integrada no complexo cercedense, foi aplaudida por un nutrido auditorio conformado por altos cargos políticos e técnicos, entre os que se atopaban representantes da Comisión Europea.

TRANSPARENCIA E EXEMPLARIDADE

Pola súa banda, técnicos de Xeorxia, no marco dun Twining (ou proxecto de irmandamento) no que participa Holanda, a República Checa e España, e que lidera a Consellería de Medio Ambiente, visitaron as instalacións de Sogama en Cerceda  interesados polos seus labores de control ambiental, sendo a entidade todo un exemplo a seguir na materia, extremo acreditado a través do rigoroso cumprimento dos valores IPPC, garantindo uns valores de emisión á atmosfera situados en todos os casos moi por baixo dos límites legais.

O segundo semestre do ano comezou tamén con outra boa nova: o incremento das visitas ao complexo de Sogama nun 3,5%, e isto malia a parada técnica acometida nesta infraestrutura durante o mes de maio para tarefas de mantemento. A valoración da súa actividade por parte dos visitantes continúa a ser extraordinaria, recibindo unha puntuación moi positiva o grao de dinamización, así como o de implicación e atencións dispensadas polas seus educadores medioambientais.

Polas súas instalacións xa pasaron máis de 75.000 persoas que tiveron a oportunidade de ver, analizar e comprobar por si mesmas o rigor na xestión, a dedicación dos seus traballadores e o firme compromiso co benestar e calidade de vida de todos os galegos.

MÁIS COMPOSTAXE

O inicio dun novo acordo de colaboración entre Sogama e a Deputación de Ourense permitiu que, no marco do mesmo, xa se teñan repartido 1.125 composteiros domésticos entre outras tantas familias da provincia, contribuíndo á reciclaxe da materia orgánica en orixe. Técnicos especializados son os encargados de visitar casa por casa para explicar aos usuarios como montar o composteiro, cal é o lugar máis idóneo para a súa ubicación e como deben utilizalo para obter un abono de calidade.

RECOÑECEMENTOS

A entrega do premio Ecovaledor a Ecoalf  tamén centrou a axenda estival. No marco do programa radiofónico de educación ambiental “Ecovoz”, promovido pola Corporación Voz de Galicia, o presidente de Sogama e o delegado de La Voz de Galicia en Carballo, Xosé Ameixeiras, distinguiron a esta empresa de moda sostible por ser un paradigma no uso eficiente dos recursos e a protección dos mares. O galardón  foi recollido por Jorge Chacón, axente desta firma no Noroeste, a quen Domínguez felicitou por representar os valores dunha entidade que vela pola protección do medio ambiente, a xeración de riqueza e a creación de emprego verde dentro dun modelo de economía circular.

A título anecdótico, dous novos iglús verdes protagonizados por Mr. Iglú (Ecovidrio) e a familia Trebón (Sogama) instaláronse na área anexa ás oficinas de Sogama, evidenciando desta forma a boa sintonía entre ambas entidades e a tarefa que conxuntamente levan a cabo no ámbito da reciclaxe. Javier Domínguez e Germán Fernández, este último delegado de Ecovidrio en Galicia, foron os encargados de presentar os novidosos contedores cos que xa se divirten os escolares que visitan Sogama.

Así mesmo, e trala súa experiencia en Facebook e Twitter, Sogama abriuse camiño en Linkedin  co obxectivo de establecer contactos con profesionais e entidades do sector ambiental ligadas á tecnoloxía e á innovación, tecendo así unha rede a través da cal facilitar a aprendizaxe e intercambio de coñecementos e experiencias na materia.

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Out 2018

Galería