- Terá lugar mañá, 31 de marzo, ás 18:00 horas, no Auditorio Municipal, sendo o seu obxectivo instruír aos participantes no procedemento a seguir para obter un abono de alta calidade, cerrando o círculo de aproveitamento da materia orgánica.
Cerceda, a 30 de marzo de 2021.- A petición do Concello de Padrón (A Coruña), técnicos de Sogama regresarán de novo a esta localidade coruñesa para impartir un segundo curso de formación na autoxestión da materia orgánica xerada nos fogares. O encontro terá lugar mañá, 31 de marzo, ás 18:00 horas, no Auditorio Municipal.
Un técnico ao servizo desta empresa pública explicará a dinámica a seguir nas vivendas para obter un compost de calidade que cumpra con todos os requisitos establecidos na normativa vixente e poida ser aplicado ao solo con garantías (xardíns, hortos e terras de cultivo). Desta forma posibilítase que a materia orgánica producida nos fogares regrese á a terra en forma de abono, sendo este un dos mellores exemplos de economía circular.
A día de hoxe, Sogama entregou ao Concello de Padrón 60 composteiros domésticos (de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) para que a recuperación dos restos orgánicos en orixe se leve a cabo dunha forma máis cómoda e hixiénica, evitando que acaben depositados no contedor xenérico, cos conseguintes custos de xestión asociados.
As familias participantes contan tamén con manuais didácticos cedidos pola compañía nos que se contempla toda a información sobre a técnica a adoptar e pasos a seguir, dando resposta ás preguntas e dúbidas máis frecuentes.
Os interesados teñen a oportunidade de ampliar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal.
Saúdos, Departamento de Comunicación