Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

Ultimando detalles para a IV Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Celebrarase o próximo 20 de maio en Santiago de Compostela e na mesma espérase reunir a máis dun milleiro de persoas comprometidas con esta causa.
  • O acto representa unha forma de informar e sensibilizar á poboación sobre unha enfermidade  neurodexenerativa crónica para a que non existe cura actualmente, pero si grandes doses de esperanza.
  • Tamén constitúe unha vía para recadar fondos cos que facer fronte a custosos tratamentos e mellorar así a calidade vida dos pacientes.
  • A axuda e o compromiso social dos cidadáns e as institucións resulta esencial para loitar contra unha doenza que se ceba especialmente cos mozos, resultando prioritario levar a cabo un tratamento axeitado nas fases iniciais da mesma.

Cerceda, a 13 de abril de 2018.-  Por cuarto ano consecutivo, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) atópase traballando nos preparativos da IV edición da Carreira e Andaina Solidarias pola Esclerose Múltiple, todo un acontecemento deportivo e social que, en 2017, conseguiu congregar a máis de 900 persoas unidas pola enfermidade, o sentimento e a solidariedade.

A próxima cita terá lugar o 20 de maio e, do mesmo xeito que nas anteriores, celebrarase en Santiago de Compostela. As expectativas, a tenor dos resultados alcanzados ata o de agora, son moi boas e a organización espera superar o milleiro de inscritos. Representa unha forma de informar e sensibilizar á sociedade sobre unha enfermidade neurodexenerativa crónica que constitúe a principal causa de invalidez non traumática entre adultos novos, así como unha oportunidade para recadar fondos a fin de que esta asociación exemplar poida seguir prestando, e ata incrementando, os seus servizos socio-sanitarios de rehabilitación integral e mellorar así a calidade de vida dos enfermos e as súas familias. Unhas prestacións que inclúen labores de fisioterapia, logopedia, psicoloxía e traballo social, áreas todas elas de importancia clave no tratamento desta doenza.

De forma silenciosa, a esclerose múltiple aprópiase progresivamente da vida de quen a padece. Vai gañando terreo nunha batalla na que a vontade do enfermo non resulta suficiente para amortecer os seus efectos. O seu carácter crónico e dexenerativo fai que a discapacidade siga progresando, se ben os ritmos son diferentes en cada persoa. O 70% dos casos teñen lugar entre os 20 e os 40 anos, cando as persoas están na plenitude da súa vida. Non en van, constitúe a segunda causa de discapacidade entre os adultos novos, tralos accidentes de tráfico e a primeira en discapacidade sobrevinda.

O normal funcionamento de varias áreas do cerebro e a médula espinal vese alterado e, como consecuencia disto, os trastornos fanse evidentes en diferentes ámbitos: motor, sensitivo, visual, urinario e esfinteriano, amén doutros síntomas como a fatiga e o tremor, podendo afectar igualmente ás capacidades intelectuais.

TRATAMENTOS INTEGRAIS CON ESPERANZA

Toda a axuda é pouca. O apoio familiar resulta fundamental, pero o enfermo necesita dun marco global no que distintos especialistas e expertos poidan dispensarlle coidados, a él e aos seus achegados, e facer posible unha vida digna na que se alongue a súa autonomía o maior tempo posible.

Ás complicacións propias dunha doenza desta gravidade, únense os recursos económicos, toda vez que afecta a persoas en plena madurez profesional que deben abandonar o seu medio de subsistencia, coas complicacións derivadas dunha situación de insostibilidade financeira.

O diagnóstico precoz e os novos tratamentos melloraron notablemente o benestar e a calidade de vida das persoas que padecen esclerose múltiple, pero aínda queda moito por facer. Precísanse maiores recursos e maior implicación social cara a unha enfermidade para a que, de momento, non existe cura, pero si grandes doses de esperanza.

Fagamos un oco na nosa axenda á carreira  do 20 de maio e unámonos á mesma co noso lado máis solidario.

Toda a información en

https://www.facebook.com/AcemAsociacionCompostelanaDeEsclerosisMultiple/

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Abr 2018

Galería