Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Un estudo analiza a presenza de microfibras téxtis nos fondos mariños do sur de Europa

Print this pagePrint this page
  • Investigadores da Universidade de Barcelona documentaron fibras de cores procedentes maioritariamente das máquinas de lavado doméstico e industrial, constatando o dominio das  fibras de celulosa sobre os polímeros sintéticos.
  • As densidades máis altas de fibras atópanse no mar Cantábrico, seguidas polo mar catalán e o mar de Alborán, e, as máis baixas, no Mediterráneo oriental e mar Negro.
  • A distancia do mar profundo non impide a acumulación de microfibras, pois preto do 20% das mesmas concéntranse en mar aberto máis aló dos 2.000 metros de profundidade, circunstancia que vén a evidenciar que diferentes procesos oceanográficos varren, transportan e acumulan as microfibras cara ás grandes fondadas mariñas.
  • Este traballo supón un paso adiante no deseño de estratexias efectivas de xestión para reducir a emisión de microfibras, que teñen un negativo impacto sobre os ecosistemas mariños.

Cerceda, a 5 de decembro de 2018.- Investigadores da Universidade de Barcelona lideraron un estudo a través do cal se cuantificou e analizou a presenza de microfibras téxtis nos fondos mariños do sur de Europa: desde o Cantábrico ata o mar Negro.

Documentaron fibras de cores, de 3 a 8 mm de longo, con menos de 0,1 mm de diámetro, que, de forma maioritaria, proceden das máquinas de lavado doméstico e industrial, constatando o dominio das fibras de celulosa sobre os polímeros sintéticos.

Así mesmo, destacaron que as microfibras son un dos tipos máis frecuentes de microplásticos presentes no medio mariño, tendo analizado mostras de sedimentos entre os 42 e os 3.500 metros de profundidade en 29 estacións dos mares do sur de Europa.

Os resultados apuntan a que as densidades máis altas de fibras concéntranse no mar Cantábrico, seguidas polo mar catalán e o mar de Alborán, e que as máis baixas atópanse no Mediterráneo oriental e mar Negro.

A distancia do mar profundo non impide a acumulación de microfibras, pois preto do 20% das mesmas acumúlanse en mar aberto máis aló dos 2.000 metros de profundidade, circunstancia que vén a evidenciar que diferentes procesos oceanográficos varren, transportan e acumulan as microfibras cara ás grandes fondadas mariñas.

Así mesmo, o traballo confirmou estudos anteriores nos que se constatou microfibras inxeridas por organismos de augas profundas. Non obstante, o impacto concreto sobre os mesmos non se coñece, pois pode depender de distintos factores tales como as características das microfibras (tamaño e abundancia), as sustancias químicas que leven absorbidas ou a propia fisioloxía e ecoloxía dos organismos mariños.

A celulosa natural (algodón, lino) e a celulosa rexenerada (raión, viscosa) procedente de roupa de vestir e téxtis industriais conforman as principais microfibras atopadas nos fondos mariños. En relación ás fibras sintéticas, o poliéster é o máis abundante, seguido do acrílico, poliamida, polietileno e polipropileno.

CONTRIBUCIÓN Á XESTIÓN

Esta investigación supón un paso adiante no deseño de estratexias efectivas de xestión para reducir a emisión de microfibras, cun negativo impacto sobre os ecosistemas mariños, polo que os científicos que formaron parte da mesma apostan por avanzar na innovación na industrial téxtil, no deseño de filtros efectivos para as máquinas de lavar, no axeitado tratamento de augas residuais e, por suposto, no fomento de roupa responsable.

Fonte: Universidade de Barcelona

Imaxe: Pixabay

Saúdos, Departamento de Comunicación

5 Dec 2018

Galería