SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Un estudo avoga por transformar a economía do plástico cara a un marco baseado na reciclaxe

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Publicado na revista Science, advirte que as emisións anuais de plásticos poden aumentar máis de seis veces para o ano 2020, incrementándose ata os 53 millóns de toneladas.

Cerceda, a 15 de outubro de 2020.- Un novo estudo internacional que leva por título «O crecemento previsto dos residuos plásticos supera os esforzos para mitigar a contaminación plástica», e publicado na revista Science, mostra que, malia os compromisos globais, o crecemento dos residuos plásticos ou «emisións de plásticos» poden aumentar máis de seis veces para 2030.

Estímase que 8 millóns de toneladas de residuos plásticos entran nos océanos, lagos e ríos do mundo cada ano. O novo informe, baseado en modelos matemáticos, calcula que, para 2030, as emisións plásticas anuais de 173 países poden aumentar ata os 53 millóns de toneladas.

Os plásticos degrándanse lentamente e, cando o fan, anacos dos mesmos, coñecidos como microplásticos, ábrense camiño na cadea alimenticia acuática e, eventualmente, na dos humanos.

A Gran Illa de Lixo do Pacífico, situada a medio camiño entre California e Hawai, encarna o crecente problema da contaminación por plásticos. Dise que cobre 1,6 millóns de quilómetros cadrados, un área dúas veces o tamaño de Texas.

O estudo modelou escenarios futuros para lograr unha redución global de menos de 8 toneladas para 2030 utilizando as estratexias de mitigación existentes: diminuír os residuos plásticos -o que inclúe prohibicións de determinados produtos-, mellorar a xestión dos refugallos e a limpeza do medio ambiente.

Para alcanzar ese obxectivo, a investigación determinou que se requiriría unha redución de entre o 25% e o 40% dos residuos plásticos, a xestión dos refugallos tería que aumentar do 6% ao 60% nas economías en desenvolvemento e necesitaríase unha limpeza do 40% das emisións anuais de plástico.

«A menos que se deteña o crecemento na produción e o uso de plástico, é esencial unha transformación fundamental da economía do plástico a un marco baseado na reciclaxe, onde os produtos plásticos ao final da súa vida útil se valorizan en lugar de converterse en residuos», di unha das investigadoras da Universidade de Toronto.

«Hai moita atención popular cara á limpeza, pero non se prestou tanta atención ao feito de que seguimos producindo grandes cantidades de plástico e, onde non hai unha boa infraestrutura, ese plástico estase abrindo paso nos hábitats mariños e acuáticos.»

Os autores da investigación suxiren que para lograr unha redución substancial das emisións globais de plástico requírese un cambio de políticas significativo. Tales cambios inclúen a redución ou eliminación de plásticos innecesarios, o establecemento de límites globais para a produción de novos plásticos, a creación de normas globais que garantan que os plásticos son recuperables e reciclables, e o desenvolvemento e a ampliación das tecnoloxías de procesamento e reciclaxe de plásticos.

Fonte: Residuos Profesional

Imaxe: Pixabay

15 Out 2020

Galería