Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

Un planeta sen contaminación, eixe central da Terceira Asemblea da ONU Medio Ambiente en Nairobi

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Arranca hoxe e estenderase ata o próximo día 7, concibíndose como un espazo único para abordar, debater e reflexionar sobre a forma en que a contaminación está a poñer en risco a saúde da Terra.
  • Neste evento daranse cita representantes de 170 países, esperando que se emita unha poderosa declaración conxunta sobre a problemática que entraña a contaminación a nivel mundial e se describan ao mesmo tempo as medidas urxentes para facer fronte á mesma.
  • De forma paralela, organizáronse unha serie de eventos de alto nivel nos que se recollen estratexias e oportunidades de interese para combater este fenómeno. É o caso do Foro Global da ONU sobre Ciencia, Políticas e Negocios, e a Exposición de Innovación Sostible.

Cerceda, a 4 de decembro de 2017.- Hoxe arranca en Nairobi (Kenia) a terceira Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente e farao coa contaminación como telón de fondo. Representantes de máis de 170 países (portavoces de gobernos, industria, ciencia e sociedade civil) daranse cita neste evento para abordar, debater e reflexionar sobre como a contaminación do aire, o solo e a auga está a poñer en risco a saúde da poboación e os propios ecosistemas da Terra.

Neste marco, espérase que os líderes mundiais emitan unha poderosa declaración conxunta sobre a necesidade de combater o problema representado pola contaminación e se describan as medidas urxentes a implantar para preservar o noso Planeta. Así mesmo, agárdase que os delegados consideren unha serie de resolucións vinculadas a temáticas de interese tales como o lixo mariño, o desperdicio alimentario, os arrecifes de coral e os vínculos entre conflitos e contaminación.

En declaracións á revista “ Our Planet”, o director executivo de ONU Medio Ambiente, Erik Solheim, manifestou que esta Asemblea constitúe “unha oportunidade de ouro para que os actores clave demostren o seu compromiso coas solucións visionarias que todos necesitamos para acabar coa contaminación”, engadindo que “ese sería un paso inicial importante no camiño cara a un planeta libre de contaminación”.

EVENTOS PARALELOS

Durante os próximos tres días, e tomando como referencia os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a Asemblea confía en alcanzar un acordo político para facer fronte á contaminación.

Con tal fin, organizáronse unha serie de eventos de alto nivel nos que se recollen estratexias e oportunidades de interese. É o caso do Foro Global da ONU sobre Ciencia, Políticas e Negocios, onde científicos, lexisladores e directores de empresas identificarán oportunidades para o investimento verde impulsado pola ciencia e as tecnoloxías, potenciando as políticas e o financiamento innovador, así como a Exposición de Innovación Sostible, a través da cal se mostrarán as novidades para combater a contaminación, incluíndo exhibicións, debates emerxentes e a análise de temáticas de interese tales como a acidificación dos océanos, que será explicada a través de realidade virtual.

O obxectivo desta plataforma non é outro que compartir o último en innovación e tecnoloxía nos sectores públicos e privados. Para isto, os participantes poderán realizar un percorrido de narración interactiva a través do cal se mostrarán os desafíos da contaminación, coñecendo a continuación as tecnoloxías máis vangardistas para facer fronte aos mesmos e concluíndo nunha zona de traballo en rede onde poderán establecer alianzas.

Profundarase igualmente no papel que, neste sentido, debe desempeñar a economía circular na transición cara a un planeta libre de contaminación, contando para isto coas achegas dos ministros de China, Sudáfrica e Chile, que compartirán experiencias na materia, e dos astronautas Rakesh Sharma (India) e Mae Jemison (Estados Unidos), así como do principal científico climático da NASA, Paul Newman, os cales ofrecerán as súas visións acerca da vulnerabilidade do planeta.

Ademais, nunha cea de gala, ONU Medio Ambiente anunciará os Campións da Terra 2017, mentres que os seis gañadores da primeira edición de Novos Campións da Terra estarán na propia Asemblea para dar a coñecer as innovacións polas que foron seleccionados.

Tamén se lanzará a edición 2017 do reporte “Fronteira” de ONU Medio Ambiente, onde se recollen as inquietudes emerxentes, como poden ser a resistencia aos antimicrobianos e os perigos dos nanomateriais, que ben poderían converterse nos problemas ambientais do mañá.

 Saúdos, Departamento de Comunicación

4 Dec 2017

Galería