Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

Un satélite para limpar lixo espacial

Print this pagePrint this page
  • O satélite RemoveDebris, lanzado desde a estación espacial internacional, porá a proba catro métodos para a limpeza de lixo orbital.
  • En pouco máis de 50 anos de carreira espacial acumuláronse uns 23.000 obxectos na órbita da Terra.
  • Ao final da misión, o propio satélite converterase en parte activa do experimento.

Cerceda, a 10 de xullo de 2018.- A empresa Surrey Satellite Technology Limited (SSTL), integrada no consorcio Airbus, en colaboración coa Universidade de Surrey (Reino Unido), Ariane Group (Francia), Innovative Solutions in Space (Países Baixos), CSEM (Suiza), Inria (Francia) e a Universidade de Stellenbosch (Sudáfrica), desenvolveu e puxo en órbita o satélite RemoveDebris, para probar catro técnicas que esperan poder aplicar no futuro á recollida e limpeza de residuos orbitais. O proxecto contou con financiamento da Comisión Europea, no Sétimo Programa Marco (FP7) e constitúe o primeiro proxecto europeo deste tipo.

O satélite, que foi lanzado desde a Estación Espacial Internacional, levará a cabo catro experimentos orientados á limpeza de lixo espacial.

En setembro, está previsto o primeiro deles, que consistirá na captura dun cubesat (nanosatélite) mediante o emprego dunha rede. Ambos obxectos abandonarán naturalmente a órbita terrestre e desintegraranse ao entrar na atmosfera.

Se todo vai ben, en outubro probarase un sistema baseado na visión, composto por cámaras 2D e tecnoloxía 3D LIDAR (detección de luz e rango), que permitirá desenvolver técnicas de encontro orbital con residuos espaciais. Do mesmo xeito que no primeiro experimento, o cubesat evaporarase debido ás elevadas temperaturas xeradas pola fricción ao penetrar na atmosfera.

En marzo do próximo ano, RemoveDebris lanzará un pequeno arpón contra un obxecto suspendido no espazo coa intención de capturalo. Un paso máis na investigación de métodos cos que poder retirar a inxente cantidade de restos que se atopan en órbita ao redor do planeta.

UN ENORME VERTEDOIRO

No ano 1967 só había un obxecto fabricado polo home xirando en torno á Terra, o suficientemente grande como para poder ser rastrexado: o Sputnik. Desde entón, en pouco máis de medio século acumuláronse uns 23.000. Os expertos estiman que o lixo espacial supera xa as 7.000 toneladas, o equivalente a toda a masa da Torre Eiffel. Restos de naves espaciais desaparecidas e avariadas, etapas de foguetes, satélites de todo tipo e infinidade de fragmentos e pezas que viaxan a 8 quilómetros por segundo, constituíndo un factor de risco elevadísimo, tanto para as estacións e naves tripuladas, como para os satélites operativos.

De aí que, como sinalou Nicolas Chamussy, director de Airbus Space Systems, este consorcio europeo leve xa anos traballando no desenvolvemento e posta en funcionamento de sistemas innovadores para estar á vangarda da loita contra este problema e contribuír así aos obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas.

FACENDO KITESURF POLO CEO

En lugar de converterse noutra peza de chatarra inservible, RemoveDebris desintegrarase na atmosfera, ao final da misión. Pero non o fará de calquera xeito, senón levando a cabo o cuarto e último experimento consistente en despregar unha vela de arrastre que acelerará a súa caída. En tan só oito semanas -fronte aos dous anos e medio que adoita tardar en desorbitar un satélite-, RemoveDebris entrará na atmosfera arrastrado pola vela, unha solución técnica que podería xeneralizarse en futuros satélites para acelerar a súa destrución ao final da súa vida útil.

Fonte: https://www.surrey.ac.uk

Saúdos, Departamento de Comunicación

10 Xul 2018

Galería