SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Unha delegación técnica de Israel visita Sogama no marco dun proxecto de cooperación internacional

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Trátase dun Twinning liderado por España, xunto con Reino Unido, a través da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Co mesmo, Israel pretende reforzar as súas capacidades para a aplicación dunha lexislación de residuos conforme aos estándares europeos.
  • A visita a Sogama contemplou a planta de transferencia de Santiago de Compostela, o Complexo Medioambiental de Cerceda, o vertedoiro de residuos non perigosos de  Areosa e a planta de compostaxe.

Cerceda, a 1 de decembro de 2021.- Unha delegación de técnicos de Israel visitou esta mañá a planta de transferencia de residuos de Santiago de Compostela, así como o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa e planta de compostaxe, e fíxoo no marco dun programa europeo de irmandamento Twinning que lidera España, xunto con Reino Unido, a través da Comunidade Autónoma de Galicia.

O grupo estivo acompañado polo RTA do proxecto, de Irlanda do Norte, a subdirectora xeral de Residuos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Mónica Pérez Medina, e o xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medio Ambiente de Sogama, Pedro Alcázar. Este último foi o encargado de explicar a actividade industrial da empresa pública e de guiar o percorrido realizado polas distintas instalacións a fin de que os integrantes da delegación tivesen a oportunidade de coñecelas in situ e tomar nota das fases polas que discorre a xestión e o tratamento dos residuos urbanos producidos polos 295 concellos adheridos a esta entidade pública.

Coa ampliación do Complexo cercedense, que actualmente conta con capacidade para 1 millón de toneladas, o depósito de residuos en vertedoiro descendeu de forma exponencial, sendo relegado a acoller aqueles refugallos que non poden ser reciclados nin valorizados enerxeticamente, tal e como se establece na xerarquía promulgada pola Unión Europea.

A visita á infraestrutura industrial de Sogama forma parte dun amplo programa de estudos incluído no Twinning que nos ocupa coa pretensión de establecer en Israel un regulamento marco, a asistencia na implementación dunha estratexia nacional e o fortalecemento da capacidade institucional no campo da xestión de residuos.

SOBRE O PROGRAMA TWINNING

Trátase dunha iniciativa da Unión Europea que ten por obxecto estreitar lazos e aproveitar as sinerxías entre os países do territorio europeo e limítrofes. Neste caso, Israel quere reforzar as súas capacidades para a aplicación dunha lexislación de residuos conforme aos estándares europeos.

As institucións que participan no irmandamento son a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, encargada de dirixir o proxecto, xunto coas súas homólogas de Reino Unido, así como a  Fundación Internacional e para Iberoamérica de  Administración e Políticas  Públicas (FIIAPP), dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Saúdos, Departamento de Comunicación

1 Dec 2021

Galería