SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Unha nova edición da Semana Europea da Prevención de Residuos pretende contribuir á concienciación da poboación en torno á necesidade de producir menos lixo

Print this pagePrint this pagePrint this page

•O evento, que organiza a Comisión Europea a través do programa Life+, levarase a cabo entre os días 17 e 25 de novembro.

•Malia que a crise económica propiciou unha menor xeración de residuos, o certo é que as cantidades son aínda desorbitadas, debendo articularse medidas que permitan a súa progresiva diminución. O obxectivo é que os cambios de hábitos derivados da crise se sigan mantendo unha vez esta se supere.

•O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente organizou o pasado 2 de outubro unha xornada informativa coa que pretendía difundir distintas iniciativas e experiencias no ámbito da prevención, abrindo un debate sobre o futuro desta práctica.

•A contribución de Sogama á redución de residuos intensificouse nos últimos anos a través de distintas campañas orientadas ao sector comercial, promovendo a reutilización de bolsas de tea, rafia e papel reciclado, así como a difusión de prácticas de compostaxe doméstica no medio rural galego.

Cerceda, a 15 de novembro de 2012.- Do 17 ao 25 de novembro celébrase a Semana Europea da Prevención de Residuos, un evento organizado pola Comisión Europea, a través do programa Life+, co que se pretende concienciar á poboación sobre a necesidade de reducir a produción de residuos como premisa básica na xestión sostible dos mesmos.

Máis aló da responsabilidade que temos os cidadáns, o certo é que as cantidades de refugallos poden verse diminuídas durante as diferentes etapas da vida útil dun produto, o que implica cambios nas materias primas e no uso de tecnoloxías, na modificación do deseño, na concepción doutras prácticas de explotación, e mesmo na introdución de sistemas de reutilización ou recarga e miniaturización.

E é que, malia que a contracción no consumo derivada da crise económica contribuíu a minimizar en gran medida a xeración de lixo, as cantidades de desperdicios que producimos día a día resultan aínda desproporcionadas, sendo orixe dun gran custo ambiental e económico.

No contorno europeo, dunha media de 524 quilos producidos por habitante e ano en 2008, baixouse ata os 502 quilos no 2010, o que se traduce en 22 quilos menos. No caso de España, a diferenza é aínda maior ao pasar dos 575 quilos do 2008 aos 535 do 2010, supoñendo 40 quilos menos.

De aí a necesidade de que os cambios de hábitos e comportamentos aos que nos obrigan as novas circunstancias de vida se manteñan no tempo co fin de posibilitar que estas cifras sigan baixando de cara a lograr unha xestión máis eficiente dos desperdicios que producimos día a día, tomando como referente a máxima de que o mellor residuo é o que non se produce.

Así, as prácticas de consumo responsable (por exemplo, levar a nosa propia bolsa á compra, adquirir os produtos tendo en conta a súa data de caducidade, dar preferencia aos envases familiares e aos artigos co menor envoltorio posible) constitúen as principais ferramentas coas que conta a cidadanía para aportar o seu gran de area nese gran reto que supón xerar menos lixo. Tamén a reutilización de materiais e, polo tanto, o alongamento da súa vida útil constitúe outro dos xestos a adoptar nunha clara aposta polo máximo aproveitamento co menor gasto posible. E proba do evidente malgasto de recursos son as altas porcentaxes de alimentos (en torno ao 25 por cento) que, aínda a día de hoxe, arroxamos indiscriminadamente ao cubo do lixo por falta dun mínimo de planificación e racionalidade no consumo. Meses atrás a Unión Europea lanzaba a voz de alerta sobre este extremo, advertindo das serias consecuencias que estas malas prácticas podían carrexar para o medio ambiente e os nosos petos.

A IMPLICACIÓN DO MINISTERIO DE MEDIO AMBIENTE

Para falar destas e outras cuestións, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente organizou o pasado 2 de outubro, na súa sede de Madrid, unha xornada informativa coa que pretendía difundir as iniciativas da Semana Europea da Prevención, dando conta de distintos exemplos prácticos e abrindo un debate sobre o futuro da prevención e a preparación para a reutilización.

Tralo acto inaugural, que correu a cargo do Secretario de Estado de Medio Ambiente, Federico Ramos, e as intervencións da Directora Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Medio Natural, Guillermina Yanguas, a Directora Xeral de Calidade e Impacto Ambiental da Xunta de Comunidades de Castilla-A Mancha, Matilde Basearán, e o Director Adxunto da Axencia de Residuos de Cataluña, Francesc Virou, presentáronse distintas experiencias de éxito en Asturias, Francia, Cataluña e Navarra, mencionando expresamente o caso de ACR+ (Rede Internacional de Cidades e Rexións para o Intercambio de Información e Experiencias sobre a prevención, o reciclado e outras formas de valorización) e da rede RREuse (Rede Europea de Empresas Sociais con Actividades en Reutilización//Preparación para a Reutilización).

A xornada pechouse coa presentación de diversas accións materializadas pola rede AERESS (Rede española para a promoción da economía social), o concello de Denia (Alicante), a área metropolitana de Barcelona, o Grupo Codorníu (sector vitivinícola), o servizo de mensaxería Seur e a Universidade da Laguna.

A CONTRIBUCIÓN DE SOGAMA Á PREVENCIÓN

Tendo en conta a trascendental importancia que a redución ten en todas as políticas de xestión de residuos, Sogama non dubidou en intensificar as súas campañas educativas e de concienciación neste ámbito. Proba disto son as súas colaboracións con distintas organizacións comerciais a través das cales promove a reutilización de bolsas de tea, rafia e de papel reciclado, en detrimento do masivo consumo de bolsas plásticas non biodegradables dun só uso, con serias consecuencias para o patrimonio natural.

Tamén a promoción da compostaxe doméstica no medio rural galego distinguiuse como unha das iniciativas máis prometedoras, tendo en conta que con esta técnica conséguese pechar o ciclo de reciclaxe da materia orgánica en orixe, evitando o seu depósito nos contedores convencionais.

Nos últimos tres anos, esta Sociedade pública conseguiu promover a autocompostaxe en máis dun milleiro de vivendas, prevendo estendelo durante os próximos meses a novos fogares polos seus enormes beneficios ecolóxicos, económicos e sociais.

Saúdos, Departamento de Comunicación

15 Nov 2012

Galería