Imagen_Sogama_Home
Vimeo

Idiomas

Unha vintena de alumnos do Divina Pastora de Ourense recollen 600 envases plásticos en Montealegre

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Como non podía ser doutro xeito, o contedor amarelo foi o destino destes materiais, garantindo así o seu posterior reciclado.
  • Liderados por Lalo Sánchez Busóns, unha das figuras docentes máis destacables do panorama académico no ámbito medioambiental, os estudantes protagonistas desta actividade forman parte do grupo de Ecovixiantes, cuxa pretensión é velar pola protección da contorna.
  • Proba do compromiso deste centro coa reciclaxe e a educación en valores é a súa participación reiterada en distintas edicións do programa “Recíclate con Sogama”, tendo recibido varios accésits.
  • Formar a futuros adultos solidarios, responsables e consecuentes, constitúe o principal reto dun colexio que fixo da sostibilidade a súa bandeira ao considerala un dos bens máis prezados para o hoxe e o mañá.

Cerceda, a 13 de novembro de 2017.-  Baixo a batuta de Lalo Sánchez Busóns, profesor no colexio Divina Pastora de Ourense e, á súa vez, coordinador no mesmo do programa Recíclate con Sogama 2017-2018, constituíndo unha das figuras docentes máis destacadas pola súa loita incesante na consecución dun mundo mellor, ao redor de 20 estudantes de educación primaria e secundaria que conforman o tradicional grupo de Ecovixiantes do centro levaron a cabo unha batida de recollida de residuos no Montealegre, logrando recuperar 600 envases plásticos, que depositaron dilixentemente no contedor amarelo para garantir o seu posterior reciclado e, xa que logo, a súa transformación en novos  recursos.

Este tipo de saídas son habituais no centro ourensán, caracterizado polo seu gran compromiso co medio ambiente, a vida saudable e a formación integral dos seus alumnos a través da educación en valores. Proba disto é a súa participación en repetidas edicións de Recíclate con Sogama, tendo sido galardoado con varios accésits a través dos cales se recoñeceu o seu extraordinario traballo no coidado da contorna, así como a incorporación, ao currículum académico do centro, da perspectiva medioambiental, que impregna en gran medida todas as disciplinas obxecto de estudo, facendo posible unha verdadeira educación ambiental, innovadora e de calidade. 

Formar a futuros adultos solidarios, responsables e consecuentes, constitúe un dos principais retos dun colexio que fixo da sostibilidade a súa bandeira ao considerala un dos bens máis prezados para o hoxe e o mañá.

Non en van, o seu proxecto “Erre que erre coa ecoloxía”, enmarcado na actual edición de Recíclate con Sogama, canalizado á súa vez a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, constitúe outra mostra do seu empeño perseverante por contribuír a ese ansiado obxectivo de facer do noso planeta un espazo máis habitable e transitar cara a un modelo de desenvolvemento que abandone as malas prácticas de usar e tirar, propias dun modo de vida lineal, e avanzar cara a un circular no que prime a prevención e a redución de residuos, así como a recuperación dos mesmos, limitando o consumo dos xa escasos recursos naturais.

Cunha gran experiencia ambiental ás súas costas, as accións a desenvolver no Divina Pastora constitúen todo un exemplo para outros centros que queren seguir o ronsel da sostibilidade. Compartir coñecementos e experiencias resulta clave nesta tarefa.

Saúdos, Departamento de Comunicación

13 Nov 2017

Galería