Imagen_Sogama_Home
Vimeo
Linkedin

Idiomas

A Unión Europea compromete 300 millóns de euros para loitar contra a contaminación mariña

Print this pagePrint this page
  • O anuncio desta nova dotación económica tivo lugar no transcurso da 5ª edición da conferencia “O noso Océano”, celebrada en Bali (Indonesia) a finais do pasado mes de outubro.
  • No marco da mesma, fixáronse 23 novos compromisos para mellorar o estado dos océanos, priorizando as accións orientadas a facer fronte aos residuos plásticos e a apoiar proxectos de investigación marítima e mariña, así como a fomentar a economía azul.
  • Cabe destacar que a UE tamén está levando a cabo actuacións a nivel internacional co fin de poñer en marcha unha coalición de acuarios para loitar contra os refugallos plásticos.
  • Cun adianto de dous anos sobre o prazo fixado inicialmente, o 10% das augas da UE xa foron  declaradas zonas mariñas protexidas.

Cerceda, a 7 de novembro de 2018.- No marco da 5ª edición da conferencia “O noso Océano”, celebrada en Bali (Indonesia) a finais do pasado mes de outubro co obxectivo de mellorar a gobernanza dos océanos, a Unión Europea comprometeu a dotación de 300 millóns de euros para levar a cabo unha serie de iniciativas orientadas a loitar contra a contaminación mariña, a conseguir que a economía azul resulte máis sostible e a mellorar a investigación, o control e a vixilancia marítima.

Esta nova achega súmase aos 550 millóns de euros comprometidos pola UE o pasado ano, momento no que asumiu o papel de anfitriona da conferencia “O noso Océano” celebrada en Malta, tendo dado xa cumprimento a case a metade dos 35 compromisos contraídos na mesma e que representan un desembolso de 300 millóns de euros.

23 NOVOS COMPROMISOS COA SUSTENTABILIDADE OCEÁNICA

Durante a conferencia de Bali, fixáronse 23 novos compromisos para mellorar o estado dos océanos. Así, destinaranse 100 millóns á investigación e o desenvolvemento para facer fronte á contaminación por plásticos e 82 millóns á investigación mariña e marítima (avaliar os ecosistemas, cartografiar o fondo mariño e desenvolver sistemas de acuicultura innovadores). Así mesmo, 18,4 millóns orientaranse a lograr unha maior sustentabilidade na economía azul europea, e ampliarase a asignación ao programa Copernicus, destinado á observación da Terra, con 12,9 millóns para a seguridade marítima e a investigación dedicada aos servizos costeiros medioambientais

ACUARIOS CONTRA O LIXO MARIÑO

Así mesmo, cabe destacar que a UE tamén está levando a cabo actuacións a nivel internacional, como é a cooperación co Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente e outros socios, co fin de poñer en marcha unha coalición de acuarios para loitar contra os residuos plásticos. De feito, un proxecto dotado con 9 millóns de euros fará fronte ao lixo mariño no sudeste asiático, particularmente en China, Filipinas, Indonesia, Xapón, Singapur, Tailandia e Vietnam.

Cun adianto de dous anos sobre o prazo fixado inicialmente, o 10% das augas da UE foron declaradas zonas mariñas protexidas, que, cunha xestión axeitada, tamén poden xerar beneficios, tanto a nivel de conservación como económicos.

Karmenu Vella, responsable de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca da UE, abundou na necesidade de reducir o lixo mariño e outras fontes de contaminación, poñer fin á pesca ilegal e protexer os ecosistemas mariños. Considera que é preciso “desenvolver a economía azul, creando emprego e crecemento sostibles coa axuda da investigación máis punteira e as novas tecnoloxías”.

Ao longo deste ano, a UE deu pasos importantes, tendo adoptado o pasado mes de xaneiro a primeira estratexia sobre os plásticos no ámbito europeo e propoñendo novas normas destinadas aos dez produtos de plástico dun só uso que se atopan con maior frecuencia en praias e mares, así como as artes de pesca perdidas e abandonadas; unha proposta que foi aprobada en outubro polo Parlamento Europeo.

Fonte: Comisión Europea

Saúdos, Departamento de Comunicación

7 Nov 2018

Galería