SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A Universidade Blas Pascal de Arxentina califica a Sogama como caso de éxito

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Así o manifestou o director da diplomatura en xestión sostible de residuos, Silvio Romano, nun webinar protagonizado polo presidente de Sogama e dirixido ao alumnado desta titulación, así como ao persoal técnico e político dos municipios da provincia de Córdoba.
  • No transcurso da súa intervención, Javier Domínguez Lino fixo un percorrido polos fitos máis relevantes desta empresa pública desde a súa creación, en 1992, ata a actualidade, enxalzando o gran traballo desenvolvido desde a dimensión industrial, económica e social.
  • Entre outras cuestións, destacou a adopción de tecnoloxías vangardistas para gañar en eficiencia, explicou o labor da infraestrutura industrial a través da cal se xestionan os residuos producidos polo 94% dos concellos galegos e mostrouse especialmente satisfeito de que o canon desta empresa pública sexa o máis barato de Galicia e España.

Cerceda, a 25 de novembro de 2021.- Convidado pola Universidade Blas Pascal de Arxentina, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, impartiu, vía online, un relatorio sobre o sistema de xestión de residuos urbanos impulsado por esta empresa pública, estando dirixido ao alumnado da diplomatura en xestión sostible de residuos sólidos, así como ao persoal técnico e político dos municipios da provincia de Córdoba.

Domínguez realizou un percorrido polos fitos máis relevantes da evolución de Sogama desde a súa creación, no ano 1992, ata o día de hoxe, e lembrou que a empresa comezou a súa andaina cun vertedoiro controlado en Areosa (Cerceda), habilitado para acoller os residuos urbanos de Vigo debido á ameaza que entón representaba a vertedoiro municipal de O Zondal para a cidade olívica e a súa área marítima.

Desde entón, a compañía foi crecendo de forma progresiva desde a dimensión industrial (apostando en todo momento polas mellores tecnoloxías dispoñibles), económica (alcanzando a súa viabilidade plena), e desde a social (creando riqueza e emprego -máis dun milleiro de postos de traballo, entre directos e indirectos-, e levando a cabo unha importante tarefa de formación e concienciación ambiental da cidadanía.

En 2016, realizou unha firme aposta pola sustentabilidade ao promover o transporte de residuos por ferrocarril, pasando do 25% ao 55% na actualidade, e tamén conseguiu, grazas á ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, incrementar a súa achega á reciclaxe nun 45% e diminuír a vertedura directa en máis dun 98%. Iso permitiralle alcanzar en breve a vertedura técnica cero, esixencia imposta polo Parlamento Europeo a todos os Estados membros para o ano 2035.

Así mesmo, Domínguez Lino lembrou que o proxecto Sogama contou desde os seus inicios co aval da Unión Europea a través da concesión de 72 millóns de euros procedentes do Fondo de Cohesión. A esta cifra súmanse os 125 millóns do Project Finance e os 31 millóns de capital social inicial. En 2018, a entidade conseguiu amortizar e cancelar o préstamo bancario, así como a débeda subordinada, acometendo a partir de entón os investimentos con fondos propios, que ascenden a 90 millóns de euros nos últimos anos.

O CANON MÁIS BARATO DE GALICIA E DE ESPAÑA

O máximo responsable desta compañía, abundou tamén en que, grazas á venda de enerxía procedente dos residuos non reciclables, o canon que pagan os concellos galegos pola xestión de residuos no modelo Sogama é o máis barato de Galicia e de España, “Un 45% dos ingresos da empresa proceden do canon, outro 45% da venda de enerxía e un 10% da venda de materiais con destino a reciclaxe”, indicou.

Respecto do canon, precisou que, desde hai 3 anos, aplícase unha bonificación do 10% aos concellos que cumpran dous requisitos: promover a redución da produción de residuos e/ou a reciclaxe dos envases lixeiros, e repercutir esta rebaixa no recibo dos veciños.

En 2022, a Sociedade aplicará, con carácter xeral, unha rebaixa do canon do 5%, manterá a bonificación do 10% e non repercutirá o IPC correspondente, estimado nun 5%. Sumando os distintos conceptos, a rebaixa total podería chegar ao 20%, o que representa un aforro para os galegos de 9 millóns de euros.

O webinar estivo coordinado e dirixido por Silvio Romano, que actualmente é director de Xestión Integral de Residuos Sólidos do Goberno da Provincia de Santa Cruz, ademais de director da diplomatura en xestión sostible de residuos sólidos na Universidade Blas Pascal e docente de grao, posgrao e investigador na Universidade Nacional da Patagonia Austral. En 2019, Romano tivo a oportunidade de visitar o Complexo cercedense tras viaxar por Europa para coñecer outras plantas similares.

Con carácter previo ao peche do evento, eloxiou a exposición tan clara do sistema Sogama por parte do seu presidente, cualificando a xestión desta entidade pública como caso de éxito, da que destacou unha serie de atributos de gran interese: o seu carácter de empresa pública; o seu esquema de transporte a través de ferrocarril; o seu obxectivo de alcanzar a vertedura técnica cero; a aplicación de tecnoloxías de vangarda; e a articulación dunha rede de infraestruturas que permitirán á meirande parte dos concellos galegos acceder á valorización da materia orgánica.

Saúdos, Departamento de Comunicación

25 Nov 2021

Galería