SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A Xunta aposta por maridar sostibilidade e gastronomía para reducir a pegada ambiental galega

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe o restaurante Pepe Vieira
  • Ángeles Vázquez destaca que en España se desperdician 7,7 millóns de toneladas de alimento cada ano, ao que hai que sumar os recursos empregados para a súa produción
  • Recorda que Sogama impulsou iniciativas para loitar contra o desperdicio alimentario como a publicación dun decálogo de boas prácticas e a creación dunha rede de composteiros, que na actualidade se elevan a máis de 17.000

Poio (Pontevedra), 13 de setembro de 2021.- A Xunta de Galicia aposta por maridar as prácticas sostibles e o sector gastronómico, para así minguar o desperdicio alimentario e, deste xeito, avanzar na redución da pegada ambiental de Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo como exemplo o día a día e traballo que se fai nas cociñas do restaurante Pepe Vieira, que visitou esta mañá, e que está comprometido co medio ambiente tal e como o acredita a Estrela verde Michelín.

Ángeles Vázquez trasladou que é un exemplo para o sector e para os galegos, por ser un restaurante comprometido coa compostaxe dos residuos orgánicos, que serven de abono para a horta orgánica deste establecemento, e por apostar polo uso de produtos de proximidade.

Asemade, o cociñeiro Pepe Vieira subliñou que no seu restaurante trabállase no eido da sostibilidade apoiándose nestes dous vectores: “pechando o círculo da materia”, aproveitando os residuos orgánicos para facer compost que sirva de materia prima para a horta; e apostando pola relación de proximidade e de convivencia con todos os elementos da contorna do establecemento.

Segundo a conselleira, este tipo de prácticas son de grande importancia para intentar reducir a porcentaxe de desperdicio alimentario (7,7 millóns de toneladas cada ano en España) e saír da lista dos primeiros dez países (España é o sétimo) da Unión Europea que máis desperdicia. Aclarou que un 18% dos alimentos que se mercan acaban no lixo sen cociñar, son 175 quilos de comida por persoa ao ano que precisan de 130 litros de auga por persoa ao día para producilos.

Nese sentido, destacou que cando se tira comida non só se desperdicia un alimento, senón tamén os recursos empregados na súa produción: auga, enerxía, combustible..., un consumo irresponsable que provoca o aumento da pegada ecolóxica.

Recordou que o vindeiro 29 de setembro celébrase o Día internacional da concienciación sobre a perda e o desperdicio de alimentos, polo que invitou á sociedade a implicase nos valores que promove esta efeméride e a consultar e poñer en práctica os consellos e recomendacións que se propoñen no decálogo de boas prácticas elaborado por Sogama, dentro dunha campaña informativa contra o desperdicio alimentario.

Os consellos suxeridos son sinxelos e fáciles de seguir, como por exemplo: elaborar menús semanais e programar a lista da compra, revisar os alimentos do frigorífico e da despensa, aproveitar a comida sobrante para novas receitas e conxelar as fraccións sobrantes, antes de que se estraguen. Tamén é recomendable, empregar produtos de tempada, diferenciar entre o consumo preferente e a data de caducidade e aproveitar os restos orgánicos para facer compost.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente destacou que hoxe a rede de composteiros de Sogama está formada por máis de 17.000 composteiros, dos cales 3.000 foron entregados este mesmo ano, e presentes en 220 concellos, 156 centros educativos e 28 colectivos sociais.

Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

13 Set 2021

Galería