SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

A Xunta buscará establecer sinerxías entre Galicia e Dinamarca en materia de xestión de residuos

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Sogama solicitará unha reunión técnica cos responsables da planta enerxética de Copenhill, un exemplo de deseño e integración social, para intercambiar ideas e explicarlles as bases do modelo galego de tratamento de residuos urbanos

Cerceda, a 29 de novembro de 2021.- A Xunta de Galicia aproveitará a información recompilada sobre enerxía e aproveitamento de residuos durante a súa viaxe institucional a Copenhague para tentar establecer posibles sinerxías entre o complexo medioambiental de Sogama e a planta danesa de Copenhill.

Cómpre lembrar que a pasada semana a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, estivo tres días na capital danesa convidada pola Embaixada de Dinamarca en España e xunto a outras autoridades autonómicas e locais. O obxectivo da visita era intercambiar experiencias e coñecementos sobre eficiencia enerxética, modelos de construción sostibles e resilientes e desenvolvemento da Axenda urbana.

A última xornada da viaxe puxo o foco de atención sobre a enerxía e as formas de produción polas que está a apostar o país nórdico. Concretamente, a conselleira visitou Copenhill, unha central eléctrica de conversión de residuos en enerxía —seguindo o modelo de valorización enerxética do que Sogama é un referente— e cuxas instalacións destacan tanto pola singularidade arquitectónica do edificio como pola súa polivalencia.

A planta, de feito, foi deseñada para que servira á vez de infraestrutura pública xa que conta con varias rutas de sendeirismo, pistas de esquí artificial no tellado e un muro de escalada na fachada, potenciando deste xeito a súa vertente social e lúdica para integrala coa contorna e actuar como espazo aberto de ocio para veciños e turistas.

Co fin de seguir estreitando lazos entre Galicia e Dinamarca, Sogama solicitará unha reunión técnica cos responsables de Copenhill. O obxectivo será analizar ambos modelos, coas súas similitudes e diferencias e estudar posibles sinerxías, tendo en conta que os dous complexos ocupan unha posición de vangarda en Europa. De feito, das 12 plantas deste tipo que hai en España, a de Cerceda é a que ten a maior capacidade —1 millón de Tn ao ano—, a máis moderna e eficiente, sendo unha das instalacións de valorización máis avanzadas do mundo, a nivel tecnolóxico e de eficiencia.

Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

29 Nov 2021

Galería