



Aproxímase o Nadal e a incerteza non deixa de acosarnos cada día; as datas por excelencia para os reencontros, viaxes, ceas de empresa, festivais, celebracións, tempo de lecer e reunións familiares, parecen desvanecerse antes de que cheguen estas Festas.
Culminamos un ano especialmente duro e tráxico. Son moitos os que xa non están, ou os que si están, pero rotos de dor, os que ven perigar a súa economía, os que tiveron que afastarse dos seus seres queridos, os que poñen en risco a súa vida para salvar a doutros e os que, cada día, son presa do temor e a preocupación.
Pero quizais, este Nadal tan peculiar tamén sexa un bo momento para dar carpetazo ás emocións negativas e sentar os cimentos para recuperar a ilusión por un futuro que, entre todos, debemos pintar de verde esperanza.
Por onde empezar para reinventar un Nadal atípico?
- Por un sorriso. Sorrir á adversidade é a mellor forma de facerlle fronte.
- Apostar polo pequeno comercio e priorizar os produtos locais e de tempada. Hoxe, máis que nunca, temos que involucrarnos co noso.
- Pensa antes de comprar. Ti, como consumidor, tes a capacidade de decidir.
- Regala de forma sostible e orixinal. Non fai falta gastar inxentes cantidades de diñeiro. Algo creado por ti, e ao que teñas dedicado tempo e esforzo, resulta especialmente reconfortante e atractivo para quen o recibe, ademais de inesquecible.
- Non regales mascotas. Non son xoguetes nin caprichos. Requiren compromiso e responsabilidade. Sé consecuente.
- Bota a voar a túa imaxinación. Constrúe a túa propia árbore de Nadal e decóraa con obxectos reciclados.
- Ollo coas luces de Nadal. Prográmaas para que luzan cando esteas na casa. Brillan máis se se usan con moderación.
- Non fan falta manxares excepcionais para gozar destas Festas. Receitas gastronómicas sinxelas, elaboradas con artigos de proximidade e económicos, poden resultar igualmente deliciosas. O mellor: unha boa conversación e compañía en torno a unha mesa, aderezada cun menú feito con agarimo.
- Axusta as racións ao número de comensais e aproveita as sobras para elaborar novos pratos. Evita o desperdicio alimentario.
- Fai un uso racional da tecnoloxía e declara a guerra á obsolescencia programada. Intenta reparar os teus dispositivos eléctricos e electrónicos antes de comprar outros novos.
- Desprázate de forma sostible: camiña, utiliza a bicicleta e prioriza o transporte público para percorridos longos.
- Nestas datas increméntanse os residuos de forma exponencial. Reduce a súa xeración, alonga a vida útil dos produtos a través da súa reutilización e sepáraos por tipoloxías para depositalos nos contedores correspondentes e propiciar así o seu reciclado. Os residuos conteñen recursos de alto valor.
- Sé solidario, pero non só no Nadal. Necesitámosnos uns a outros os 365 días do ano.
- Respecta e segue fielmente as normas e recomendacións das autoridades en cada momento. Loitar contra o COVID-19 é tarefa de todos.
- Intenta ser feliz, goza do que tes e enfronta 2021 con esperanza e enerxías renovadas.
Anexo | Tamaño |
---|---|
![]() | 9.85 MB |