SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

REORGAnicémonos

Print this pagePrint this pagePrint this page
Ano: 
2020

Baixo o lema “REORGAnicémonos”, Sogama participará na Semana Europea da Prevención de Residuos 2020 con accións a pé de rúa nos Concellos de Arteixo e Cerceda, pretendendo a través das mesmas evocar a necesidade de poñer orde en todos os ámbitos da vida, especialmente a raíz da crise sanitaria, económica e social orixinada polo COVID-19, así como alentar as boas prácticas no ámbito dos residuos.

Este evento europeo, centrado en poñer en valor o primeiro elo na correcta xestión do lixo, isto é, a prevención e a redución, constitúe unha oportunidade para que os cidadáns reflexionen sobre os seus hábitos e comportamentos, e que  adopten aqueles que lles permitan contribuír á sostibilidade.

“REORGAnicémonos” invita aos gobernos locais e veciños a primar a Reciclaxe, a Orde e a Organización, a Recuperación da Materia Orgánica e a colaboración nesta tarefa.

Ademais de seguir abundando no consumo responsable, no máximo aproveitamento dos produtos a través da súa reutilización e na necesidade de separalos correctamente unha vez convertidos en refugallos, depositando cada tipoloxía no contedor correspondente, prestarase especial atención á correcta clasificación da materia orgánica no fogar e ao axeitado uso do contedor marrón e/ou composteiro doméstico.

CALENDARIO

Para isto contarase cun punto informativo a pé de rúa, tanto en Arteixo (os días 26 e 27 de novembro) como en Cerceda (o día 28), equipado cunha carpa e diversos recursos educativos de apoio.

Educadores especializados asesorarán aos transeúntes en torno á importancia que ten a aplicación diaria do principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), deténdose en explicar que materiais deben introducirse no contedor marrón e as razóns polas que a colaboración e implicación cidadá resultan esenciais para que na planta de compostaxe, neste caso a de Sogama, se poida producir un compost de alta calidade para a súa posterior utilización na agricultura e xardinería.

Igualmente, recordaranse as tipoloxías de refugallos a depositar no resto dos contedores de recollida selectiva, pois só así poderase propiciar a reciclaxe e alcanzar os beneficios que trae consigo: protección da contorna, aforro de recursos, menos gasto económico e maior benestar social.

No caso de Arteixo, o punto informativo ubicarase o día 26 de novembro en Meicende (Cruce da Travesía de Meicende con Travesía de Meirás, en horario de 08:30 a 14:30) e o 27 na Praza do Balneario (en horario de 11:00 a 18:00). En Cerceda instalarase o día 28 no Campo da Feira (de 09:00 a 15:00 h).

Ademais de distribuír material divulgativo entre os veciños que se animen a visitar a carpa (reservando unha partida para os centros escolares), repartirase tamén merchandising.

 

Excluido de listado: 

Galería