



Setembro é, por riba de todo, o mes da volta ao cole. Significa, para unha boa parte da poboación, o fin das vacacións e o regreso á rutina. Con todo, e aproveitando as connotacións deste mes, son moitos os que se animan a introducir cambios en distintas facetas da súa vida. Un deles podería ser o de adoptar hábitos máis sostibles. A volta ao cole é, de facto, unha oportunidade para instauralos. Aquí deixámosvos unhas sinxelas recomendacións:
1. Realizar un inventario do que xa se ten e unha listaxe do que verdadeiramente se necesita. Desta forma evitaranse compras compulsivas e reducirase o gasto.
2. Se se revisa nos fogares o material do pasado curso, seguramente as familias levarán unha grata sorpresa ao comprobar que os estuches están en boas condicións e, se non o están, que se poden arranxar. O mesmo no caso das carteiras e mochilas.
3. Aproveitar a roupa, uniformes ou libros de texto de familiares e amigos. Evitarase que acaben no lixo e aforraranse recursos.
4. Informarse sobre programas de préstamos e reutilización de libros, sobre bolsas e axudas, así como sobre a posibilidade de financiar as compras.
5. O comercio de segunda man e o troco tamén poden ser unha boa solución. Hai webs especializadas para isto.
6. Se, finalmente, non hai outra alternativa que comprar material novo, convén comparar prezos e aproveitar as ofertas e descontos.
7. Para as merendas dos escolares, incluír no seu equipamento unha botella reutilizable e un portabocadillos ecolóxico, así como panos de mesa téxtiles reutilizables, descartando os de usar e tirar.
8. Dar preferencia ao consumo de alimentos saudables, locais e de tempada, non envasados nin procesados.
9. Moverse de forma sostible: camiñar ou utilizar a bicicleta. Nalgúns centros xa existen grupos de pais e nais que organizan roteiros escolares e túrnanse para acompañar aos pequenos, evitando o uso do vehículo particular. Desta forma minimízanse os atascos ás portas do colexio, promóvese o exercicio físico e a práctica deportiva, e evítanse as emisións de CO2 á atmosfera.
10. Aplicar cada día a reglar dos tres erres: Reducir a produción de residuos; Reutilizar os produtos ata esgotar a súa vida útil; e separar os materiais por tipoloxías para propiciar a súa Reciclaxe, previo depósito dos mesmos nos correspondentes contedores de recollida selectiva: