


A recollida selectiva da bolsa amarela implantouse en Galicia logo da entrada en vigor, no 1997, da Lei de Envases e Residuos de Envases, materializándose a través dunha experiencia piloto que se estendeu dende xullo do 1998 ate outubro do 1999, na que finalmente participaron un total de 29 municipios, e que permitiu obter información sobre os hábitos da poboación, así como sobre as características e composición dos residuos xerados, fixando desta forma os medios e custes relativos á implantación dunha recollida destas características.
En novembro do1999 asinouse un Convenio Marco entre a Xunta de Galicia e Ecoembes co fin de impulsar o desenvolvemento dun programa integral de recollida e recuperación de envases usados e residuos de envases no ámbito territorial da Comunidade Autónoma. Neste Convenio atribúese a Sogama a función de entidade xestora do mesmo, levando a cabo nas súas instalacións os labores de clasificación da bolsa amarela (envases de plástico, latas e bricks).
O 21 de febreiro do 2011, a Xunta de Galicia e Ecoembes formalizaron un novo acordo a través do cal se aspira a reducir o número de impropios introducidos nos colectores amarelos, reducíndoos dende el 32% actual ate o 25%. O devandito convenio permanecerá en vigor ate o 2015 e contará cun investimento de 85 millóns de euros.
Unha vez efectuada a recollida deste material (bolsa amarela) por parte dos servizos municipais ou empresa específica na que os entes locais deleguen esta tarefa, é transportado á planta de transferencia máis próxima e de aí viaxa, en contedores especiais de grande capacidade á Planta de Clasificación de Sogama, situada no Complexo Medioambiental de Cerceda, onde se efectúa a separación mecánica dos distintos materiais, que se prensan e embalan por separado, remitíndoos posteriormente á industria recicladora para ser convertidos en novas materias primas.
Neste escenario é preciso ter en conta que a colaboración cidadá constitúe a peza clave para lograr que o sistema de recollida selectiva sexa exitoso, toda vez que a viabilidade da reciclaxe e, xa que logo, os beneficios derivados da mesma, tanto a nivel medioambiental como económico e social, dependen fundamentalmente dunha axeitada separación en orixe.
E é que a reciclaxe permite un gran aforro enerxético e de materias primas, ademais dun considerable aforro económico para as arcas locais, xa que canto maior sexa a cantidade e calidade do material desviado aos centros recicladores, maiores serán os ingresos percibidos polos concellos a través do Sistema Integrado de Xestión Ecoembes, á vez que se propicia a diminución da cantidade de residuos a depositar no contedor xenérico, reducindo o importe da factura que os entes locais deben pagar a Sogama.
Contedor amarelo
- Botellas de plástico que contiveran alimentos (aceite vexetal, refrescos, auga, leite, salsas, ...)
- Botes de plástico de produtos de aseo ou limpeza (xel de baño, champú, xabón líquido, lavalouzas, limpadores do fogar, suavizante, ...)
- Latas de conservas e de refrescos
- Bricks de leite, viño, zumes,...
- Bandexas de porexpán ou cortiza branca
- Redeciñas de envoltorio de froitas, tubérculos ou verduras
- Plástico film (plástico de cociña para envolver)
- Bolsas de plástico
- Envases plásticos de aperitivos e bolos industriais
E en xeral, todos os envases de plástico, latas e briks que leven impreso o punto verde.
Anexo | Tamaño |
---|---|
![]() | 1.35 MB |