Idiomas

Os "3R" da Ecoloxía: Reduce, reutiliza e recicla

Print this pagePrint this pagePrint this page

Producir residuos é unha acción inherente á condición do ser humano. Pero os complexos sistemas de produción e consumo fixeron que, nos últimos tempos, a xeración de refugallos se teña disparado de forma alarmante, coa particularidade de que os produtos que adquirimos están conformados en moitos casos por materiais que non se degradan facilmente e que, de non ser xestionados de forma correcta, suporán unha seria ameaza para a nosa contorna e saúde.

A Sociedade Galega do Medio Ambiente asume a xestión dos residuos contidos na bolsa amarela (latas, briks e envases de plástico) e bolsa negra (fracción resto). Dentro das súas competencias non se atopa a xestión de materiais tales como papel/cartón, vidro, pilas e residuos especiais recollidos a través dos puntos limpos, que son tratados en cada caso por xestores autorizados.

Pero, antes de que esta empresa pública poña en marcha a súa operativa, o cidadán pode axudar en gran medida a facer unha xestión máis sostible dos residuos que produce cada día. A clave, sempre ao seu alcance, reside nos tres erres: Reducir, Reutilizar e Reciclar

REDUCIR:

  • Consumindo de forma responsable e facendo unha lista previa co realmente necesario.
  • Comprando as cantidades axustadas ás necesidades da unidade familiar e adquirindo produtos nos que se teña en conta a data de caducidade, que en todo caso debe diferenciarse da de consumo preferente.
  • Optando por alimentos frescos  e a granel, e elixindo produtos que estean minimamente envoltos, dando preferencia aos envasados que se poidan volver a utilizar.
  • Reparando todos os materiais que resulte posible, como é o caso de moitos aparellos eléctricos que aínda serven e dos que nos desfacemos cada ano.
  • Dando preferencia aos produtos locais, pois con isto contribuiremos ao desenvolvemento da economía na nosa contorna máis inmediata e evitaremos o exceso de embalaxe que trae consigo o transporte a grandes distancias, diminuíndo ao mesmo tempo as emisións de CO2.

REUTILIZAR:

  • Usando trapos de cociña no canto de rulos de papel, e panos de algodón no canto da súa versión en papel.
  • Optando por vasos, pratos e cuncas de louza ou cristal, evitando o uso de desbotables.
  • Levando de casa a bolsa ou o carriño da compra, evitando utilizar unha nova bolsa de plástico cada vez.
  • Aproveitando ao máximo o papel, usando sempre as dúas caras das follas e reutilizando as impresas por unha.
  • Empregando pilas recargables.

RECICLAR:

  • Separando os residuos por tipoloxías e depositándoos nos contedores axeitados.

UN EXERCICIO DE RESPONSABILIDADE

Aplicando de forma efectiva o principio europeo dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar), daremos cumprimento a outro gran principio para a sostibilidade do sistema, o da responsabilidade compartida.

Abandonando o modelo lineal de usar e tirar, e apostando por un circular no que os residuos sexan transformados en recursos, abriremos a porta a un futuro esperanzador.

Porque o respecto polo hoxe tradúcese en garantía para o mañá.