Idiomas

Reduce Residuos: Aforra Recursos

Print this pagePrint this pagePrint this page
Reduce Residuos: Aforra Recursos. É o noso Reto, é a nosa Responsabilidade
Con pequenos xestos diarios, podemos contribuír, entre todos, a minimizar a xeración de residuos urbanos. Con isto lograremos, non só importantes beneficios ambientais, senón tamén económicos e sociais. A seguir, detallamos uns sinxelos consellos cos que reducir a produción de residuos, tanto na compra, apostando por un consumo responsable, como na oficina e centros educativos, así como no propio fogar.
Á hora de elixir un produto, ten en conta a súa calidade e durabilidade, así como os residuos que xeran as diferentes opcións de comercialización do mesmo.
Compra os alimentos tendo en conta a súa caducidade. Planifica o teu consumo.
Reduce Residuos: Aforra Recursos. É o noso Reto, é a nosa Responsabilidade [pdf]
Na compra, non compres residuos
Intenta adquirir artigos que estean minimamente envoltos. Á hora de escoller entre produtos semellantes, elixe o que teña menos envases e embalaxes.
Non esquezas levar o teu carro da compra ou a bolsa de lona ou tela de toda a vida, evitando así utilizar unha nova bolsa de plástico cada vez. Rexeita as bolsas que non necesites, aínda que insistan en regalarchas.
Solicítalle ao dependente/a que non envolva e empaquete os produtos que compraras, a non ser que sexa imprescindible.
Procura comprar artigos que poidan volver utilizarse. Lembra que os de usar e tirar incrementan a cantidade de residuos.
Promove o uso de produtos que veñan en recipientes que poidan volver a encherse.
Rexeita os consumibles (froitas, carnes, verduras) envasados en bandexas de plástico.
Ten por costume adquirir artigos por xunto, sen empaquetar. Pensa que o envoltorio non forma parte do produto que adquirimos e que acaba por converterse nun residuo do que nos desprendemos inmediatamente.
Nas bebidas e líquidos, opta por envases grandes, e se son retornables, mellor. As botellas, frascos e tarros de vidro son unha magnífica opción (o vidro é 100% reciclable).
Lembra que comprar en grandes cantidades non só é máis barato, senón que tamén permite reducir a cantidade de embalaxes. Ten en conta que os produtos en tarro familiar xeran menos residuos por unidade.
Antes de realizar a compra, fai a lista do que necesites. Deféndete ante as estratexias de venda das grandes superficies (ofertas tentadoras, compras impulsivas, etc).
Na oficina e centros educativos
Non desaproveites o papel. Usa sempre as dúas caras das follas e reutiliza as impresas por un lado para borradores, tarefas, comunicación informal, etc.
Dalle preferencia aos materiais con recambio. É un xeito eficaz de reducir, máis ecolóxico e económico que a utilización de materiais dun único uso.
Os papeis de imposible ou difícil reciclaxe (plastificados, encerados,...) só deberías empregalos cando non exista outra posibilidade menos impactante.
Usa papel reciclado sempre que poidas. Isto aumentará a súa demanda contribuíndo á súa maior produción e, en consecuencia, á preservación de recursos naturais.
Utiliza o teu propio vaso ou taza e evita o uso de produtos de usar e tirar.
No fogar
Usa trapos de cociña en troques de rolos de papel, e utiliza panos de algodón en troques de panos de papel.
Cos restos das comidas e un pouco de imaxinación, podemos preparar atractivos menús, evitando que acaben no cubo do lixo.
Adquire pilas recargables en lugar das convencionais.
Respecto das cosas que xa non usen os membros da unidade familiar, debemos procurar que alguén as reciba. Lembra que con moi pouco podes facer máis fácil a vida doutros.