



En nome da Sociedade Galega do Medio Ambiente, quixera darche o miña máis cálida benvida a esta páxina web e invitarte a navegar polos seus recunchos para descubrir todas as facetas desta empresa pública que, na actualidade, presta servizo a 295 concellos, xestionando cada día, e desde a máxima sostibilidade, os refugallos producidos por máis de 2.242.000 persoas. Unha tarefa á que se dedica, co máximo rigor e empeño, un sólido e multidisciplinar equipo de profesionais.
Transcorridos máis de 25 anos desde a creación de Sogama, e pechada unha primeira etapa de actividade na que, grazas ao labor desta entidade, posibilitouse o selado e clausura dos centos de vertedoiros municipais que asolaban Galicia no último tramo do século pasado, e que non cumprían coas mínimas condicións de seguridade e control, adentrámonos nunha nova fase na que estamos construíndo, coa maior ilusión, os cimentos do futuro, sendo a nosa prioridade engrandecer os principios que sempre sustentaron a nosa cultura empresarial: a Redución, a Reutilización e a Reciclaxe, que complementamos coa Recuperación Enerxética da fracción non reciclable para evitar ou minimizar o uso do vertedoiro, a opción menos desexable polo seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde.
E neste escenario emerxe e toma forma o proxecto de ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, que xa conta cunha nova planta para a recuperación dos materiais contidos no lixo convencional. Innovación tecnolóxica e industria 4.0 constitúen a perfecta combinación dunha instalación punteira que permite seleccionar de forma automática ata 11 tipoloxías de residuos para remitir á industria recicladora. Trala remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, labor no que nos atopamos inmersos nestes momentos, Sogama pasará a ser a infraestrutura das súas características máis moderna e eficiente de Europa, ademais de punto de referencia para o resto do mundo.
Este conxunto de melloras, ás que se suma un ambicioso plan de acción no ámbito da compostaxe, tanto na súa modalidade industrial como doméstica, así como o despregue de diversas iniciativas educativas e sociais orientadas a lograr unha maior colaboración da poboación na xestión dos residuos, constitúe o prólogo dunha folla de ruta que dará comezo cunha maior reciclaxe e un menor vertido, chegando en 2020 ao vertido técnico cero, e que nos sitúa no CAMIÑO DA SOSTIBILIDADE cun horizonte claramente definido: a economía circular.
Javier Domínguez Lino
Presidente de Sogama