


Localizado no lugar de Areosa (Cerceda), o vertedoiro controlado de Sogama comeza a súa actividade no ano 1996 co obxecto de ser utilizado para o depósito de residuos non perigosos. Agora configúrase como elemento complementario da actividade do Complexo Medioambiental, acollendo únicamente os rexeitamentos non valorizables procedentes da PRTE (Planta de Reciclaxe, Tratamento e Elaboración de Combustible), PCM (Planta de Clasificación de Materiais) e PCLAS (Planta de Clasificación de Envases Lixeiros).
Características da instalación
O vertedoiro conta actualmente cunha superficie de 47 hectáreas.
Na zona noroeste do recinto sitúase a Planta de Biogás e a Planta de Compostaxe, mentres que na zona sur atópanse as balsas de lixiviados e de augas pluviais, así como a planta de depuración de lixiviados.
Sistema de impermeabilización
Os residuos dispóñense no correspondente vaso vertido para ser compactados in situ coa maquinaria específica (“Pata de cabra”). O fondo dos vasos de vertido está dotado dun sistema de impermeabilización que evita o contacto dos residuos co solo.
A colocación de diferentes capas illantes imposibilita que se filtren, a través do solo, os lixiviados, que poden estar xerados por distintas causas:
- Interacción da auga superficial infiltrada sobre o residuo sólido
- A propia dinámica de descomposición do residuo
Para a captación e evacuación de lixiviados disponse dun sistema de drenaxe que os conduce ás correspondentes balsas de almacenamento, pasando logo á planta de depuración, onde son tratados mediante un proceso de osmose inversa na que se leva a cabo a separación a través de membranas impulsadas por presión, invertendo o proceso natural de osmose e aplicando unha diferenza de presión transmembranal, segregando o fluxo en dúas correntes.
Depuración de augas
As augas pluviais son recollidas pola rede executada para tal fin e conducidas ó punto de vertido, na que se unen ao permeado procedente da planta de depuración, sendo vertidas ao regato de Areosa, que desemboca no río Lengüelle.
Evacuación de gases
Debido á acción das bacterias anaerobias, os residuos urbanos depositados no vertedoiro sofren unha degradación fisicoquímica e biolóxica, xerando subprodutos. As substancias orgánicas sintetízanse por efecto destas fermentacións e os metais son oxidados.
No proceso anaerobio prodúcese anhídrido carbónico e gas metano, dando lugar a un combustible (biogás) que se extrae a través de chemineas de desgasificación formadas por un pozo recheo de grava en cuxo centro se dispón unha tubaxe de drenaxe de gases, de PEAD.
O biogás extraído aprovéitase en 3 motores cunha potencia instalada de 2,2 MW.