Idiomas

“Mellores conexións”, lema da Semana Europea da Mobilidade sostible 2022

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Promovida pola CE desde o ano 2000, terá lugar entre os días 16 e 22 deste mes
  • Trátase dunha campaña de sensibilización a través da cal se fomenta o cambio de comportamento cara ao uso do transporte público e as solucións de transporte limpas e intelixentes
  • Mañá, 15 de setembro, conclúe o prazo de inscrición para que os concellos interesados poidan participar nesta iniciativa

Cerceda, a 14 de setembro de 2022.- Mañá, 15 de setembro, conclúe o prazo de inscrición para que os concellos interesados participen na Semana Europea da Mobilidade sostible, que este ano leva por lema “Mellores conexións”, asentándose sobre cinco piares: persoas, lugares, transporte público, planificación e políticas.

Promovida pola Comisión Europea, trátase dunha campaña de sensibilización, que terá lugar entre os días 16 e 22 deste mes, a través da cal se fomenta o cambio de comportamento cara ao uso do transporte público e as solucións de transporte limpas e intelixentes, así como o desenvolvemento de boas prácticas e medidas permanentes.

Nesta nova edición, que alcanza a vixésimo segunda, búscase crear conciencia sobre a mobilidade urbana sostible e activa, pretendendo sensibilizar, tanto aos responsables políticos como á cidadanía, sobre as consecuencias negativas que, para a saúde e o medio ambiente, ten o uso excesivo do vehículo privado na cidade.

De feito, a Semana culmina co “Día sen coches” (22 de setembro), xornada na que se reserva a peóns, ciclistas e transporte público unha ou varias zonas das localidades.

Así mesmo, a Semana Europea da Mobilidade lembra os beneficios do uso da bicicleta ou dos desprazamentos a pé. Así, ten por obxecto contribuír á procura de novas solucións para reducir os problemas derivados do transporte a través do intercambio de experiencias entre os distintos municipios que participan a nivel europeo.

ESPAÑA, PAPEL ACTIVO

Desde os seus inicios, no ano 2000, España participou activamente na SEM. O pasado ano, dos 3.184 municipios adheridos á iniciativa, 463 eran españois; e das 8.239 medidas permanentes presentadas, 1.800 pertencían a localidades do noso país.

Ademais, as distintas edicións tiveron unha gran acollida entre a sociedade civil, organizacións sociais, institucións e empresas. Durante o ano pasado, realizáronse 343 boas prácticas en España, con 199 entidades participantes.

Fonte e imaxe: Comisión Europea

14 Set 2022

Galería