Idiomas

“O éxito do Protocolo de Montreal é un poderoso exemplo de multilateralismo en acción”

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Así o manifestou o Secretario Xeral da ONU, António Guterres, con motivo do Día Internacional para a Preservación da Capa de Ozono, que se celebra hoxe
  • Incidiu en que o Protocolo de Montreal, universalmente ratificado e implementado con decisión, evitou ata 1 °C adicional de quecemento global

Cerceda, a 16 de setembro de 2022.-Con motivo do Día Internacional para a Preservación da Capa de Ozono, que se celebra hoxe, o Secretario Xeral das Nacións Unidas, António Guterres, puxo de relevo o éxito do Protocolo de Montreal na protección da capa de ozono estratosférico contra os químicos sintéticos que tamén causan o quecemento do clima. “Grazas a un acordo global, a humanidade evitou unha gran catástrofe sanitaria debido á radiación ultravioleta que se verte a través dun enorme buraco na capa de ozono”, indicou.

Cualificou a este Protocolo como éxito porque “cando a ciencia descubriu a ameaza á que todos nos enfrontabamos, os gobernos e os seus socios actuaron; adoptamos un acordo ambiental global que foi universalmente ratificado e implementado con decisión”. Así mesmo, definiuno como un “poderoso exemplo de multilateralismo en acción”, xa que “cos moitos problemas que enfronta o mundo, desde os conflitos ata o aumento da pobreza, a profundización da desigualdade e a emerxencia climática, é un recordatorio de que podemos ter éxito traballando xuntos polo ben común”.

Tal e como explicou, o Protocolo de Montreal, instaurado hai 35 anos, xa contribuíu a abordar a crise climática. Ao protexer ás plantas da radiación ultravioleta, permitíndolles vivir e almacenar carbono, evitou ata 1 °C adicional de quecemento global. Ademais, o traballo do Protocolo para eliminar gradualmente os gases que quentan o clima e mellorar a eficiencia enerxética a través da súa Emenda de Kigali, pode atrasar aínda máis a alteración do clima.

Guterres abundou en que “só reflectindo a cooperación e a acción rápida do Protocolo de Montreal noutros lugares podemos deter a contaminación de carbono que está a quentar perigosamente o noso mundo”, ao que engadiu “Temos unha elección: acción colectiva ou suicidio colectivo”.

Fonte: ONU

Imaxe: Pexels

16 Set 2022

Galería