SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

“Os veciños de Cervo están a responder de forma exemplar ás distintas campañas ambientais”

Print this pagePrint this pagePrint this page
  •  O alcalde da localidade, Alfonso Villares, asegura que os cervenses son conscientes de que os recursos naturais son finitos e que é necesario e imprescindible lograr o equilibrio entre crecemento económico, protección ambiental e cohesión social.
  •  A autoxestión dos residuos orgánicos a través da compostaxe doméstica está triunfando no municipio, superando as 200 familias participantes.
  •  Ademais das distintas iniciativas de educación ambiental promovidas desde o ente local, o rexedor destaca a campaña “Coida Cervo” e o programa de reforestación integral de leiras municipais con árbores do país.

Cerceda, a 20 de novembro de 2020.- Nunha entrevista publicada no último número da Newsletter de Sogama, o alcalde de Cervo (Lugo), Alfonso Villares Bermúdez, á súa vez vicepresidente 1º da FEGAMP e presidente da Comisión de Integración e Cohesión Social da FEMP, non dubidou en enxalzar a receptividade dos seus veciños á hora de adoptar boas prácticas ambientais, xa que, ao seu xuízo, a participación nas distintas accións promovidas polo ente local “non pode ser maior”.

Está convencido de que o Concello, como administración máis próxima ao cidadán, desempeña un papel crucial á hora de incentivar condutas responsables e sostibles, e os cervenses son conscientes de que os recursos naturais son finitos e que, polo tanto, é necesario e imprescindible lograr o equilibrio entre crecemento económico, protección ambiental e cohesión social.

A fin de dar debido cumprimento ao principio de proximidade que debe rexer a correcta xestión dos residuos, este municipio lucense apostou no seu momento pola compostaxe doméstica para que os fogares que, voluntariamente así o quixeran, tivesen a oportunidade de formar parte desta iniciativa e puidesen levala a cabo de forma cómoda e hixiénica.

A día de hoxe, máis de 200 familias forman parte deste programa, cuxos resultados están a ser moi satisfactorios. Ademais de recibir un composteiro de forma gratuita, tamén son formadas por persoal técnico, ocupándose o propio Concello de levar a cabo un seguimento periódico para comprobar a correcta operativa e resolver posibles dúbidas.

ACCIÓNS DE SENSIBILIZACIÓN

Outra das accións con gran arraigo no municipio é o concurso de fotografía ambiental “Cervo Respecta”. Tal e como sinalou o rexedor, o obxectivo deste certame é “poñer en valor o noso patrimonio natural e promover a sensibilización ambiental.” Na edición deste ano, que alcanzou a número 10, concorreron medio cento de instantáneas.

Os escolares constitúen outro dos públicos obxectivo do ente local, de aí que os proxectos de educación ambiental sexan tamén unha constante, priorizando para isto as canles de difusión interactivas. A campaña bautizada co lema “Coida Cervo” constitúe un claro exemplo. A través da mesma preténdese chamar a atención sobre a importancia que teñen as boas prácticas individuais no día a día para protexer a contorna, como é o caso da participación dos veciños en xornadas de voluntariado de recollida de lixo en distintos escenarios públicos.

Así mesmo, Villares Bermúdez destacou o programa de reforestación integral das leiras municipais con árbores do país que o Concello ten en marcha desde fai máis dunha década. O seu obxectivo, tal e como sinalou, non é outro que “recuperar eses lugares de encontro e favorecer a creación de novos bosques con estas especies que, ademais de outorgar un valor engadido aos terrenos, actúan de cortalumes en caso de incendios.”

Tralo impacto do COVID-19, o alcalde de Cervo móstrase convencido de que a xente valora agora moito máis a vida no campo e en contacto coa natureza, polo que entende que a concienciación ambiental seguirá en liña ascendente.

Saúdos, Departamento de Comunicación

20 Nov 2020

Galería