Idiomas

“Recíclate con Sogama” 2022-2023: convocados os premios aos mellores carteis sobre reciclaxe

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • A convocatoria oriéntase aos 20 centros educativos que participan nesta iniciativa, cuxo obxecto é propiciar que o alumnado tome conciencia e contribúa a difundir os beneficios que a reciclaxe ten para o medio ambiente, a saúde pública e a calidade de vida da poboación
  • Os tres galardóns a outorgar contemplan dotacións económicas de 1.300, 1.000 e 700 euros, que os colexios agraciados deberán investir integramente en materiais e/o accións educativas
  • O prazo para a presentación de candidaturas expira o próximo 31 de marzo

Cerceda, a 9 de marzo de 2023.- Sogama, xunto coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e no marco do programa “Recíclate con Sogama” 2022-2023, convoca os premios escolares aos mellores carteis sobre reciclaxe, estando orientados aos 20 centros educativos das catro provincias galegas que participan nesta iniciativa, cuxo obxectivo é propiciar que o alumnado tome conciencia e contribúa a difundir os beneficios que a reciclaxe ten para o medio ambiente, a saúde pública e a calidade de vida da poboación.

A convocatoria contempla tres premios e cada centro debe achegar un único cartel que o represente. Un xurado conformado por representantes de Sogama e a Consellería de Educación valorará a calidade da obra, a creatividade e a orixinalidade, a claridade na redacción dos textos para facilitar a súa comprensión, así como a capacidade do título, a mensaxe e a ilustración para impactar de forma positiva na cidadanía e sensibilizala ao redor da importancia de segregar correctamente os residuos en orixe e depositar cada tipoloxía no contedor axeitado para propiciar o seu posterior reciclado.

Os tres galardóns a outorgar contemplan dotacións económicas de 1.300, 1.000 e 700 euros, que os colexios agraciados deberán investir integramente en materiais e/o accións educativas. Así mesmo, tamén poderán concederse accésits a aquéles que, sen resultar gañadores, tiveran destacado polos seus traballos, sendo recoñecidos cun diploma acreditativo.

O prazo de presentación das candidaturas expirará o próximo 31 de marzo.

SOBRE “RECÍCLATE CON SOGAMA”

Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, Recíclate con Sogama é un programa educativo co que se pretende instaurar a recollida selectiva de residuos nas aulas. Ademais de propiciar que os escolares poñan en práctica cada día a separación de residuos en orixe, preténdese tamén que trasladen este hábito aos seus fogares e contorna social máis inmediata, asumindo o rol de embaixadores da reciclaxe.

Para que cada un dos 20 centros adscritos a esta iniciativa poidan desenvolver os seus proxectos de reciclaxe, Sogama proporcionoulles os medios necesarios, tanto materiais (contedores de recollida selectiva e composteiros) como didácticos e divulgativos. Igualmente, un equipo de educadores desprázase periodicamente polos colexios para revisar o avance dos traballos, prestar asesoramento e corrixir posibles erros.

A final de curso, os centros deben presentar unha memoria de actividades a través da aplicación informática do Plan Proxecta, que será avaliada por Sogama e a Consellería de Educación.

Saúdos, Departamento de Comunicación

9 Mar 2023

Galería