Idiomas

“Sogama transforma residuos en recursos, representando un claro exemplo de economía circular"

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Así o manifestou o presidente de Sogama durante a súa intervención no Simposium “Urban Solutions”, que concluiu hoxe mesmo en Vigo
  • O relatorio de Javier Domínguez centrouse na contribución de Waste-To-Energy (WtE) á redución do impacto da actual crise enerxética, pois, máis aló de minorar o uso do vertedoiro, permitiría diminuír a dependencia externa de España dos combustibles fósiles
  • Achegou tamén unha visión global da valorización enerxética en Europa, aludindo de forma particular á planta de CopenHill, en Copenhague, pois, máis aló da producir electricidade e calor, conta cunha pista de esquí e a parede de escalada máis alta do mundo, desempeñando unha función social

Cerceda, a 22 de setembro de 2022.- No marco do Simposium “Urban Solutions”, que concluiu hoxe en Vigo tras tres intensas xornadas nas que se abordaron temáticas tan interesantes para o desenvolvemento das cidades sostibles como é o caso da enerxía, a mobilidade, a iluminación e as infraestruturas urbanas, o presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, participou nesta cita en calidade de relator, concretamente na sesión sobre “Cidades, Enerxías Renovables, Seguridade e Medio Ambiente”, que moderou Ana Botas, xerente de VIRATEC (Agrupación industrial Galega de Solucións Ambientais e Economía Circular), para falar da contribución de Waste-To-Energy (WtE) á redución do impacto da actual crise enerxética da que ninguén escapa.

 WtE EN EUROPA

Tras unha introdución á actividade de Sogama, á que se referiu como un claro exemplo de economía circular pola súa capacidade para transformar residuos en recursos, o máximo responsable desta Sociedade abundou nos beneficios que reportaría a España a valorización enerxética da fracción non reciclable, xa que, máis aló de reducir o uso do vertedoiro, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde, aproveitaríase o potencial da enerxía contida nos refugallos, en lugar de enterrala, contribuíndo desta forma a reducir a dependencia externa do noso país dos combustibles fósiles.

Así mesmo, achegou unha visión global da valorización enerxética en Europa, que concentra preto de 500 plantas, destacando Francia, con 121, ou ben Alemaña, con 96.

Tal e como indicou, a día de hoxe, e segundo FEAD (Federación Europea de Xestión de Residuos), as instalacións europeas WtE poden subministrar electricidade a 18 millóns de habitantes e calor a 15,2 millóns, coa particularidade de que o 50% da enerxía producida nas mesmas é renovable debido á orixe biogénico dos residuos. Como exemplo puxo a planta de Sysav, en Malmö (Suecia), que cobre as necesidades térmicas desta cidade de 300.000 habitantes, así como a planta de Wuppertal, en Alemaña, que xera hidróxeno para alimentar os autobuses do transporte público, e a de Giubiasco, en Suíza, que alimenta a rede eléctrica nacional e cobre as necesidades duns 23.000 fogares. Así mesmo, destacou que ao redor do 50% da rede de calefacción urbana de París abastécese das tres plantas WtE que hai na cidade.

Mención especial fixo da planta de CopenHill, en Copenhague, a primeira que conta cunha pista de esquí e a parede de escalada máis alta do mundo, e que tivo a oportunidade de visitar persoalmente. Máis aló de proporcionar electricidade a 80.000 fogares e calefacción urbana a 90.000 apartamentos, ten un importante uso social, servindo como área de lecer, deporte e recreo para as comunidades veciñas e turistas.

O CASO DE ESPAÑA

En España, que conta tan só con 12 plantas WtE, aínda se depositan en vertedoiros 11,8 toneladas de residuos urbanos, o 53,4% dos xerados, sendo responsables do 4% das emisións GEI. Se estes residuos se valorizasen enerxeticamente, cubriríanse as necesidades enerxéticas de 1,25 millóns de fogares ou, o que é o mesmo, o consumo de 5,5 millóns de persoas.

Ante este escenario, Javier Domínguez, apuntou que, para cumprir co vertido técnica cero en 2035, obxectivo establecido polo Parlamento Europeo, o tratamento en plantas WtE en España debe chegar, alomenos, ao 25%. Isto significa que no noso país débese duplicar o número de instalacións destas características.

Saúdos, Departamento de Comunicación

22 Set 2022

Galería