Idiomas

“Ti tes a receita para coidar o planeta”, nova campaña de SIGRE

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • A pretensión desta iniciativa é transmitir ao cidadán que a súa colaboración resulta esencial para propiciar a reciclaxe dos medicamentos e os seus envases, e como, grazas ao seu compromiso, contribúe a coidar da súa saúde e do planeta
  • No primeiro semestre de 2022, os españois depositaron no Punto SIGRE da farmacia un 8% máis de envases baleiros ou con restos de medicamentos respecto do mesmo período do ano anterior
  • O 91% da poboación considera prexudicial para a contorna tirar os medicamentos ao lixo ou polo desaugadoiro e o 97% é consciente de que o coidado do medio ambiente e o da saúde están estreitamente relacionados

Cerceda, a 3 de novembro de 2022.- Baixo o lema “Ti tes a receita para coidar o planeta”, SIGRE puxo en marcha unha nova campaña de comunicación para concienciar á poboación sobre os beneficios que trae consigo a correcta reciclaxe dos medicamentos a través dos Puntos SIGRE das farmacias.

A pretensión é transmitir ao cidadán que a súa colaboración resulta esencial para o éxito desta iniciativa, que puxo en marcha, fai máis de vinte anos, a industria farmacéutica, en colaboración coa distribución e as farmacias, comprometéndose firmemente co coidado do medio ambiente.

Ademais do impulso do ecodeseño nos envases de medicamentos e o tratamento ambiental dos residuos, a sensibilización cidadá constitúe un dos tres piares básicos da actividade de SIGRE.

MÁIS ACHEGA CIDADÁ

No primeiro semestre de 2022 os españois depositaron no Punto SIGRE da farmacia un 8% máis de envases baleiros ou con restos de medicamentos respecto do mesmo período do ano anterior.

O último estudo de opinión elaborado para SIGRE mostra que o 91% da poboación considera prexudicial para a contorna tirar os medicamentos ao lixo ou polo desaugadoiro e o 97% é consciente de que o coidado do medio ambiente e o da saúde están estreitamente relacionados.

Cabe subliñar, ademais, que o 86% dos fogares recicla medicamentos a través do Punto SIGRE. Por outra banda, entre os distintos colectivos, destaca a colaboración das persoas maiores de 55 anos e dos enfermos crónicos.

ECODESEÑO PARA REDUCIR RESIDUOS

A colaboración cidadá resulta esencial para alcanzar as elevadas taxas de reciclaxe de medicamentos, pero non pode esquecerse que o mellor residuo é aquel que non se produce. A esta tarefa contribúe o esforzo realizado pola industria farmacéutica para minimizar o impacto ambiental dos envases de medicamentos, logrando que cada vez pesen menos e sexan máis sostibles e reciclables.

Desde a posta en marcha de SIGRE desenvolvéronse con éxito sete plans trienais de prevención con medidas de ecodeseño, o que dou lugar a que, malia a dificultade para introducir melloras nuns produtos tan delicados como os medicamentos, cada ano se poñan no mercado español preto de 500 millóns de fármacos (un de cada tres) con algunha mellora ambiental no seu envase.

En SIGRE participan e están comprometidos fortemente todos os axentes da cadea do medicamento, é dicir, industria farmacéutica, distribución e farmacias. Isto permite á entidade unha xestión baseada nos principios da economía circular, tentando conseguir un uso eficiente dos materiais ao longo de todo o seu ciclo de vida.

Fonte e imaxe: SIGRE

3 Nov 2022

Galería