Idiomas

Adxudicada, por 238 M€, a xestión das plantas que interveñen na valorización enerxética

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Trátase das plantas de Coxeración e Termoeléctrica do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), así coma os servizos comúns
  • En base a este contrato, que se prevé asinar nas vindeiras semanas, a operadora encargarase da xestión a partir do próximo 1 de febreiro e por un período de 10 anos
  • Coa enerxía producida no Complexo podería abastecerse ao 12% dos fogares galegos
  • A operativa levarase a cabo en todo momento baixo a consigna de máxima eficiencia, menor gasto de recursos externos e escrupuloso coidado ambiental

Santiago de Compostela, a 18 de xaneiro de 2022.- A Xunta de Galicia adxudicou, por 238 millóns de euros, a xestión das plantas do Complexo Medioambiental de Sogama que interveñen na valorización enerxética da fracción non reciclable.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, mantiveron hoxe unha reunión con representantes da UTE adxudicataria deste contrato —Sociedad Gallega de Polímeros, S.A- SETEC Building, S.L.U-Espina Obras Hidráulicas, S.A— para o servizo de xestión integral das plantas de coxeración e de termoeléctrica, ademais de instalacións comúns do Complexo.

O obxectivo é garantir, conforme ás directrices europeas, a valorización enerxética da parte non reciclable contida nos residuos, evitando a súa vertedura. De non operar estas plantas, os refugallos non recuperables a través da reciclaxe, acabarían en vertedoiro, a última opción contemplada na xestión xerarquizada de residuos que promulga a Unión Europea debido ao seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde das persoas.

No sistema Sogama, a parte non reciclable ou resto acondiciónase en forma dun combustible derivado de residuos (CDR) coa axuda da planta de coxeración, que produce a calor necesaria para o secado desta fracción. Este CDR alimenta posteriormente unha planta termoeléctrica que xera a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.

A través deste contrato, a adxudicataria encargarase na próximos 10 anos do mantemento deste servizo. A razón que xustifica este acordo de larga duración é que propicia unha explotación responsable e sostible no tempo das distintas infraestruturas, coa particularidade de que a operación é de elevada complexidade técnica.

O contrato contempla as seguintes tarefas: valorización enerxética dos descartes procedentes da planta de recuperación dos materiais contidos no lixo en masa; operación e mantemento dos motores da planta de coxeración e dos vasos dos depósitos inertes e cinza; depuración das augas residuais e lixiviados orixinados nas distintas instalacións que conforman o complexo medioambiental; mantemento e limpeza de captación de auga, rede de auga, rede de pluviais e rede de contraincendios e lixiviados; ademais da xestión integral do almacén de repostos.

EN SINTONÍA CO PACTO VERDE DA UE

En liña co Pacto Verde da Unión Europea, onde a dixitalización cobra un papel protagonista en beneficio do medio ambiente, o novo contrato permitirá aplicar un desenvolvemento tecnolóxico de vangarda, con equipos robotizados que incorporan intelixencia artificial para avanzar na seguridade e no comportamento ambiental sostible das instalacións.

Entre as actuacións previstas destacan a instalación de cámaras termográficas con sistemas de infravermellos 2D para o control da combustión no fogar das caldeiras da planta termoeléctrica, así como a optimización do rendemento eléctrico, incluíndo a dixitalización de instrumentos e a instalación de sistemas de medición e monitoraxe en liña con acceso remoto en tempo real.

O proxecto, deseñado integramente polo departamento de enxeñería do grupo adxudicatario, incorpora melloras altamente tecnificadas para reducir ao máximo o impacto da actividade industrial sobre a contorna, asegurar os procedementos in situ e incrementar a eficiencia no proceso de produción de enerxía eléctrica a partir dos residuos non reciclables.

A aplicación das novas medidas e melloras permitirán consolidar a Sogama como modelo de tratamento de residuos urbanos punteiro en Europa, á vez que garantirá, non só o cumprimento dos estritos requirimentos normativos actuais, tal e como se veu facendo ata o de agora, senón tamén os futuros, tanto a nivel nacional como comunitario.

Desta forma, Galicia, a través da xestión sostible dos residuos, contribuirá á transición xusta e integradora da Unión Europea mediante a aplicación de tecnoloxías respectuosas co medio ambiente e o apoio á innovación industrial. Con iso pretende dar resposta a nova estratexia de crecemento para a UE, que ten por obxecto situar a Europa na senda da transformación cara a unha sociedade climaticamente neutra, equitativa e próspera, cunha economía moderna e competitiva que utilice de maneira eficiente os recursos.

Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

18 Xan 2022

Galería