Idiomas

As asociacións de Ortigueira implícanse na reciclaxe

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Monitores ao servizo da campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor”, que impulsa a Consellería de Medio Ambiente e Sogama, desprazaranse varios días a esta localidade coruñesa para impartir charlas a unha ducia de asociacións, instruíndo aos seus integrantes na correcta xestión dos residuos urbanos.

•Así, os educadores prestarán especial atención aos hábitos e xestos a adoptar para reducir a elevada produción de lixo, reutilizar ao máximo os produtos e separar correctamente os desperdicios no fogar para propiciar o seu posterior reciclado.

•Tamén explicarán as vantaxes ambientais e económicas da compostaxe doméstica, instaurada xa, da man de Sogama, en preto de 60 vivendas unifamiliares do municipio.

Cerceda, a 14 de marzo de 2014.- No marco da campaña de concienciación social “Separemos ben, reciclaremos mellor”, unha ducia de asociacións da localidade coruñesa de Ortigueira recibirán este mes, a cargo de educadores especializados, unha serie de charlas informativas nas que se lles explicará como participar na correcta xestión dos residuos urbanos, que hábitos deben ser asumidos para propiciar a reciclaxe e que beneficios ambientais e económicos se derivan da mesma.

As charlas nutriranse cunha serie de actividades didácticas deseñadas específicamente para estes colectivos, que serán complementadas coa dotación de diverso material divulgativo e de merchandising.

As asociacións recibirán a visita dos monitores ao servizo desta iniciativa, que promove a Consellería de Medio Ambiente e Sogama, contando co apoio de Ecoembes e os Sistemas Integrados de Xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP), os días 17, 18, 19, 20, 25 e 26 do presente mes.

As temáticas a abordar contemplan básicamente o principio dos tres erres, proporcionando as pautas axeitadas para reducir a produción de lixo, reutilizar ao máximo os produtos e participar no sistema de recollida selectiva, separando os refugallos no fogar e depositando cada tipoloxía nos contedores habilitados nas vías públicas: amarelo, para os envases lixeiros (envases de plástico, latas e briks); azul, para os de cartón e papel; iglú verde, para os envases de vidro; contedor específico para as pilas; e verde convencional, para a fracción resto.

Tamén se afondará nas vantaxes que trae consigo a compostaxe doméstica e que a localidade de Ortigueira está a experimentar da man de Sogama dende o ano 2012, toda vez que preto de 60 vivendas rurais xa contan con composteiros cedidos por esta empresa pública para fabricar o seu propio abono natural, que utilizan posteriormente nas súas hortas e xardíns, substituíndo aos fertilizantes artificiais; unha práctica coa que logran diminuír en boa medida a cantidade de desperdicios a depositar nos contedores xenéricos, axudando a que o concello vexa reducido o importe da factura que debe pagar a Sogama polos seus servizos.

Os veciños que asistan ás distintas convocatorias serán obsequiados con distinto material divulgativo e de merchadising da campaña.

Saúdos, Departamento de Comunicación

14 Mar 2014

Galería