Idiomas

A campaña da reciclaxe detense este mes nos colexios de A Pastoriza, Portomarín, Monterroso e Sober

Print this pagePrint this pagePrint this page

•Monitores ao servizo da campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor” instruirán aos escolares destas catro localidades na correcta xestión dos residuos urbanos, priorizando os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e facendo especial fincapé na compostaxe doméstica polos seus notables beneficios económicos e ambientais.

•Os pequenos que participen nesta iniciativa, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama, co respaldo de Ecoembes e os SIG de pilas, recibirán agasallos, merchadising e diverso material divulgativo con fin de motivar a súa participación e plena implicación no sistema.

Cerceda, a 10 de marzo de 2014.- “Separemos ben, reciclaremos mellor”, unha campaña educativa impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Sogama, e que conta co respaldo de Ecoembes e os Sistemas Integrados de Xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP), regresa este mes aos centros escolares da provincia de Lugo, e faino en concreto aos colexios de A Pastoriza, Portomarín, Monterroso e Sober.

No CEIP O Salvador de A Pastoriza estará mañá, día 11, chegando ao CEIP Virxe da Luz de Portomarín o 14, e ao CEIP de Monterroso e CEIP Virxe do Carme de Sober, o 27.

Un grupo de monitores desprazarase a estes catro centros para formar ao alumnado nas boas prácticas ambientais vinculadas á xestión dos residuos, comezando coa redución, seguindo coa máxima reutilización dos produtos e concluíndo coa separación dos distintos materiais que conforman o lixo, depositando cada tipoloxía no contedor correspondente: amarelo, para os envases de plástico, as latas e os briks; azul, para os envases de cartón e papel; iglú verde, para os envases de vidro; contedor específico para as pilas; e verde convencional, para a fracción resto, que Sogama trata nas instalacións centrais de Cerceda para a súa conversión en enerxía eléctrica.

A COMPOSTAXE DOMÉSTICA, EN AUXE

A compostaxe doméstica será outro dos puntos a abordar, toda vez que constitúe unha práctica instalada en moitas vivendas lucenses da man de Sogama e que está a dar uns magníficos resultados, conseguindo minorar en gran medida as cantidades de refugallos a introducir nos contedores verdes xenéricos e posibilitando que os concellos paguen menos a esta empresa pública.

Así mesmo, a súa implantación trae consigo importantes beneficios ambientais, conseguindo obter un abono natural de alto calidad que substitúe aos fertilizantes artificiais empregados en xardíns, hortas e terras de cultivo.

Os pequenos que participen na campaña recibirán agasallos, así como diverso merchandising e material divulgativo co que motivar a súa participación no sistema, servindo de punto de referencia para as súas familias.

Saúdos, Departamento de Comunicación

10 Mar 2014

Galería